O Parque de Rosalía de Castro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
[editar] Situación:
O Parque de Rosalía de Castro en Lugo está rodeado polas rúas de: Avenida Doutor García Portela, Xeneral Tella, Pascual Veiga e o Paseo da Vila de Foz. Hai que ter en conta que na actualidade este parque esténdese cara a zona baixa, collendo o paseo de Vila de Foz e que arrodeado polas tres rúas primeiras e mais a Ronda da República de Arxentina. Se non perdemos a muralla coma referente obrigatorio para orientarse en Lugo, o Parque Rosalía de Castro é o primeiro punto de encontro nos extramuros, sen perder tampouco o seu carácter céntrico. Por fóra da Ronda da Muralla, entre a Porta de Santiago e a Porta do Bispo Aguirre.
[editar] Algo de historia
Abriuse xa a mediados do século pasado a Cidade Xardín, cun modelo de expansión ordenado circundante desta zona verde creada anteriormente no ano 1925 co nome de Afonso XII. Sen embargo, a principios do século XX non era máis que monte e catro hortas. Algúns autores datan os inicios das primeiras contruccións do parque sobre os anos 1909-1912, pero non están dacordo nalgúns aspectos. Na actualidade mantén o aire de boa acomodación urbanística que xunto ás vistas panorámicas son alguns dos seus principais atractivos. Pero séguese a traballar por mellorar o parque; non está claro se vai haber supresión dalgúns elementos: coma o galpón e a restauracion da Pergola e do mapa de España.
[editar] Que ver
Trátase dun parque moi humanizado, polo menos na parte principal, duns vinte e tres mil metros cadrados e goza dun bon axardinamento, amplos paseos con moita sombra vexetal, palco de música, recinto infantil e uns corenta e seis bancos. Os corredores principais crúzanse nun gran espazo central presidido por unha fonte rodeada de roseiras, que son un dos principais arranxos florais de todo o parque. No xeral, sobre a estrutura xeométrica predomina a capa arbórea con especies de sombra e outras de gran porte entre as que sobresaen os abetos.
Tamen é rico en monumentos, o da escritora Rosalía de Castro (do cal acabou tomando nome o parque), o Alcalde López Pérez e Xosé Castiñeira Pardo; en saídas (por todo o parque principal hai saídas a diferentes rúas) e mesmo a xente pode tomar algo nun pequeno recuncho na entrada principal do mesmo parque.
Outras fontes refrescan o ambiente e existe ademais un estanque lineal de aves acuáticas. Neste sentido podemos encontrar tamén varias paxareiras pechadas e, sobre todo, un chamativo pombar aproveitado para acoller unha maqueta que reproduce a gran escala o mapa físico en relevo da Península Ibérica. As cuncas hidrográficas aliméntanse de verdade e polos principais ríos flúe un fío de auga.
Orientado cara o oeste sitúase un mirador con forma de balconada sobre o que se abre a escalinata centrada cunha fermosa pérgola na esquina esquerda. O escenario lixeiramente elevado sobre o vale do Miño permite darse conta cabal da paisaxe lucense e da cidade mesma.
O parque prolóngase pola aba do monte mediante o paseo nomeado Vila de Foz, moi concorrido, igual que toda a zona, durante as temporadas estivais e sobretodo nas festas de San Froilán. Anteriormente e arredores do século pasado (sobre os anos 80) existía nunha zona ao seu carón un circuito de karts (hoxe só hai unha explanada na que se asentan algunhas das atraccións nas festas do San Froilán). No fondo do mesmo paseo existe unha gran explanada e ao seu lado está contruído o antigo Pavillón dos Deportes.
Galería fotográfica
Rematamos no outro extremo do parque, non podemos evitar ollar outra vez cara o fondo del. Alí agocha outra sorpresa. As rochas non só son asentadeiros para a xente nova, tamen son bos monumentos. Esta aguia dános a despedida, pero á súa vez recordanos que volvamos, pois non é ela o que o di, é outra que está na Praza de Santo Domingo. |