Pedro Almodóvar
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Pedro Almodóvar é un director de cine e guionista nacido en Calzada de Calatrava (Ciudad Real) o 24 de setembro de 1949.
[editar] Biografía
Cando tiña oito anos Pedro Almodóvar Caballero emigra xunto coa súa familia a Orellana la Vieja, un pobo de Extremadura, onde estuda cos salesianos e os franciscanos. A súa educación relixiosa fai que perda axiña a fe. Nesa época comeza a ir ó cine compulsivamente.
Ós dezaseis anos, en 1968, instálase en Madrid, sen familia nin cartos, coa soa idea de estudar e facer cine. Inicialmente ten que dedicarse a vender obxectos de segunda man no Rastro. Pronto entra a formar parte do grupo teatral "Los Goliardos", onde traba amizade coa actriz Carmen Maura, posteriormente "diva" do seu cine. Tamén funda un grupo musical de punk-rock canda o iconoclasta McNamara e escribe relatos breves que en ocasións se publican en volumes colectivos. Para gañar a vida traballa en Telefónica durante anos. Grazas a estes ingresos, consegue mercar unha cámara de Super 8 coa que se lanza a rodar diversas curtametraxes. Estas curtas convérteno nunha especie de enfant terrible de la movida madrileña, movemento contracultura que se desenvolve dende a morte do ditador Francisco Franco ata principios dos anos 1980. A primeira destas curtametraxes, titulada Film político, realizouna en 1974. Seguiríanlle títulos tan excéntricos como Dos putas, o historia de amor que termina en boda, La caída de Sodoma, Sexo va, sexo viene, ¡Folle... folle... fólleme Tim!...
En 1980 Pedro Almodóvar estrea a súa primeira longametraxe titulada Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón. Trátase dun filme rompedor, realizado en condicións de produción estremas e filmado en 16 mm, pero que obtivo unha grande acollida no festival de San Sebastián daquel ano.
En 1987, el e o seu irmán Agustín Almodóvar fundan a produtora El Deseo que, a partir de entón, produce tódalas películas de Pedro Almodóvar. Con todo, paseniño Almodóvar foi perdendo a frescura e a independencia iniciais a costa dunha maior solidez narrativa.
Paralelamente a súa sona internacional non parou de medrar ata asentalo coma o director español vivo máis coñecido (por non dicir case o único, quitando o caso de Alejandro Amenábar). A clave desta fama internacional radica seguramente no seu éxito nos Estados Unidos, onde se converteu nunha figura mediática, e nos Oscar da Academia. De feito, Almodovar gañou un Oscar polo guión de Hable con ella no ano 2003. Tamén foi candidato á mellor película en lingua estranxeira en 1988 con Mujeres al borde de un ataque de nervios.
A meirande parte dos seus filmes poden inxerirse no xénero melodramático. O propio Almodóvar confesou en diversas ocasións que as súas fontes de inspiración cinematográfica eran Douglas Sirk, Preston Sturges, George Cukor, Rainer Werner Fassbinder, John Cassavettes, só por mencionar uns poucos. Esta utilización do melodrama, xunto a uns personaxes máis ou menos estrafalarios ou marxinais, levouno ó éxito, grazas en gran parte ó público feminino que o segue masivamente. O seu cine, despois do experimentalismo e a radicalidade iniciais, entrou decididamente nunha etapa de madurez.
[editar] Longametraxes dirixidas
- Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón (1980)
- Laberinto de pasiones (1982)
- Entre tinieblas (1983)
- ¿Qué he hecho yo para merecer esto? (1985)
- Matador (1986)
- La Ley del deseo (1986)
- Mujeres al borde de un ataque de nervios (1987)
- ¡Átame! (1989)
- Tacones lejanos (1991)
- Kika (1993)
- La Flor de mi secreto (1995)
- Carne trémula (1997)
- Todo sobre mi madre (1998)
- Hable con ella (2001)
- La mala educación (2004)