Pedro Froilaz de Trava
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Pedro Froilaz (Laxe, arredor de 1075-1128), conde de Traba (Trava na ortografia da época), foi un personaxe fundamental na historia de Galiza, principalmente por térselle encomendado a educación do futuro rei Afonso VII e pola súa colaboración co bispo Xelmírez na política galega da época.
Foron seus pais Froila Bermudez (nacido arredor de 1045) e Elvira de Faro (1050), e seu irmán Rodrigo, bispo de Mondoñedo. A súa alianza con Xelmírez levou ao coroamento de Afonso VII como rei de Galiza contra os intereses de sua nai Dona Urraca, que encarcerou a Pedro Froilaz no 1123.
Ao falecer en 1107 Ramón de Borgoña, esposo de dona Urraca, filla do rei Afonso VI, e cun fillo de dous anos, Afonso Raimúndez, o rei convocou unha xunta en León onde obrigou aos nobres galegos a prestaren vasalaxe ao príncipe Afonso Raimúndez como futuro rei de Galiza. Nomeu como aio a Pedro Froilaz, quen xa fora sinalado para ese posto polo conde D. Ramón de Borgoña. Morto Afonso VI no 1109, moitos nobres opuxeronse á rexencia do conde de Traba reclamando a intervención da raíña Dona Urraca. Estes nobres puxeron sítio en 1111 á fortaleza de Castrelo do Miño, perto de Ribadavia. As condicións da rendición foron que se fixese ante o Bispo Xelmírez, pero cando este chegou foi feito prisioneiro xunto coa condesa de Trava e o neno Afonso Raimúndez. Cando Xelmírez foi liberado, acordou co conde de Trava que o neno tiña que ser coroado canto antes, e asi o fixeron o 17 de Setembro dese ano en Compostela.
Casou con Maior de Urgell e con Urraca Froilaz, e foron seus fillos:
- Bermudo Perez de Trava Tenente de Trastamara nacido c. 1095
- Fernando Perez de Trava, conde de Trastamara c. 1100 casou con Sancha González
- Eva Perez de Trava c. 1195 casou con I Garcia Ordoñez, conde de Nájera e con Pedro González de Lara
- Estefánia Perez de Trava c. 1105 casou con D. Rodrigo Fernandez de Castro o Calvo
- Elvira Perez de Trava c. 1115 casou con Gomes Nunes de Pombeiro
[editar] Bibliografía
- Don Alfonso VII, Rey de Galicia, y su ayo el Conde de Traba Antonio López Ferreiro (Santiago de Compostela, 1885)
- Diego Xelmírez Gordon Biggs, Xerais, 1983 ISBN 84-7507-100-7