Río Orontes
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Orontes é o principal río de Siria, excluído o Éufrates.
Estrabón di que o seu nome orixinal foi Tifón (Typhon). O río pasaba por Antioquía e Seleucia (coñecida a veces por Seleucia do Orontes).
O río nace nas montañas do Líbano, onde modernamente é chamado Al-Asi (Nahr al-Asi, ou "o río rebelde"), preto da vila de Labweh, un chisco ao norte de Baalbek, na parte oriental do val da Bekaa. Corre paralelo á costa para o norte en territorio sirio e pasa por Homs e Hamah e máis ao norte xira ao oeste e entra en territorio de Turquía, pasando por Hatay, ata chegar ao mar, desaugando en Suweidah (actualmente Samandagi).
Os principais afluentes ao norte son o Afrin (Afreen, antigo Oenobaras) e o Kara Su. O seu curso é duns 240 km.
Non é navegábel e a súa importancia deriva do feito de correr de sur a norte formando un val que antigamente permitía as comunicacións fluídas entre o norte e o sur de Siria.
Foi escenario da batalla de Qadesh (sobre -1290 / -1275) e a batalla de Qarqar (entre asirios e os reis confederados dirixidos por Damasco o -853).
O río marcou a fronteira norte e leste de Amurru baixo dominio exipcio (séculos -XV e -XIV). Os cruzados tíñano como fronteira entre o principado de Antioquía e o emirato de Alepo.