Robert Adam
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Robert Adam arquitecto e deseñador neoclásico escocés.
Naceu en Kirkcaldy, Fifeshire en 1728 e morreu en Londres en 1792. Segundo fillo de William Adam, canteiro e arquitecto, estudou na Universidade de Edimburgo, aínda que non se graduou. En 1746 xunto co seu irmán maior, John Adam, entrou como axudante do seu pai, á súa morte (1748), os dous irmáns convertense en socios do negocio familiar (Adam Brothers).
O seu primeiro gran traballo foi a decoración do primeiro andar da Hopetoun House, preto de Edimburgo. En 1754 realiza unha viaxe por Francia e Italia, que aproveita para estudar a arquitectura clásica, sobre todo as ruínas do palacio de Diocleciano en Spalato (Dalmacia) e admira os gravados de Giovanni Battista Piranesi, en 1764 publica The ruins of the Palace of Diocletian.
En 1758 regresa a Gran Bretaña e abre estudo en Londres cos seus irmáns James e William, coa incorporación de deseños clásicos romanos, influenciado con elementos gregos, bizantinos e barrocos dá lugar a un novo estilo decorativo. Realizou sobre todo mansións campestres nas que emprega eses motivos clásicos con liberdade e diversidade cunha linguaxe de gran transparencia espacial. O proxecto Adelphi (1768-1772, un grupo de vivendas urbanas no barrio de Londres de igual nome; demolido en 1936) foi o máis ambicioso que realizou, á beira do Támesis, constituía unha unidade arquitectónica que incluía peiraos, almacéns e vivendas cunha decoración de estilo pompeiano.