Ronseltz
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Grupo poético formado na Coruña entre 1984 e 1985 por Xoán Carlos Rodríguez, Manuel Cortés, Miguel A. Montes, Serxio Iglesias e Xabier Cordal. Disolveuse a principios da década dos noventa. Pouco despois publicaría Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (Eds. Positivas).
Nos inicios participaron tamén o artista plástico XAMS, Roberto Salgueiro e Júrgio Valinhas. Ronseltz deuse a coñecer mediante recitais en varios puntos dentro e fóra de Galicia e publicou tres revistas co mesmo nome entre 1985 e 1987. A súa posta en escena oscilaba entre o humor posmoderno e a provocación punk. Coa palabra como referente case único, Ronseltz utilizaba ocasionalmente, non sen ironía, referencias á vangarda e medios propios da performance.
Algunhas revistas (O Mono da Tinta, Luzes de Galiza, A Trabe de Ouro...) incluíron textos de Ronseltz, pero a publicación de Unicornio de cenorias... supuxo, co grupo xa desaparecido, a difusión nacional do seu papel na revitalización da poesía dos 80, ancorada maioritariamente en fórmulas rituais e contido neodecadentista. Así foi recoñecido por poetas de xeracións posteriores.
Todos os membros do grupo continuaron en solitario actividades literarias, artísticas e musicais.