Signo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
[editar] A diferencia entre signo, símbolo e síntoma
Son síntomas ou indicios aqueles fenómenos ou acontecementos que están asociados a outros pola súa propia natureza. A febre é síntoma de infección e a aparición do fume é indicio da existencia de lume. A información chéganos sen que haxa unha intencionalidade comunicativa. En cambio cando se empregan símbolos ou signos si existe transmisión voluntaria da información.
Chamamos símbolos a aqueles obxectos ou representacións que gardan unha relación de semellanza con aquilo ó que remiten. Un símbolo presenta un significante que reproduce de forma máis ou menos esquemática os trazos básicos ou máis destacados do significado que soporta. Son símbolos, xa que logo, os sinais das cabinas telefónicas, de postos de facturación, de consigna de equipaxes, etc. O fundamental do símbolo, é polo tanto, a esquematización dos trazos constitutivos daquilo ó que fan referencia.
No signo, en cambio, non existe motivación nin semellanza formal entre aquilo que empregamos para representar e o obxecto ou idea á que queremos facer referencia. A asociación destas dúas caras (significante e significado) e puramente convencional. Isto é o que acontece na linguaxe humana.