Abel Caballero
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Abel Ramón Caballero Álvarez (Ponteareas, 2 de setembro de 1946 é un economista, político e escritor galego.
Piloto da mariña mercante, é doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e pola Universidade de Cambridge. Ten tamén un mestrado en economía realizado na Universidade de Essex. Foi profesor na Universidade de Santiago e é catedrático de Teoría Económica da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo.
Membro do Partido Socialista Obrero Español desde 1976, foi ministro de Transporte, Turismo e Comunicacións durante o segundo goberno do socialista Felipe González (1985-1988. Foi deputado no Congreso desde 1982 a 1994, e entre 1993 e 1995 foi voceiro socialista de Economía no Congreso. Dende 1994 tamén exerce de portavoz polo grupo socialista na Comisión de Economía da Delegación Española do Consello de Europa. Foi presidente do PSdeG-PSOE e candidato á presidencia da Xunta nas eleccións autonómicas de 1997 por unha coalición integrada polo PSdeG-PSOE, EU-EG e Os Verdes. Neste comicios obtivo os peores resultados do socialismo galego en Galiza, co que, aínda que mantivo o seu escano ata 2001, pasou á segunda fila da escena política.
Desde 2005 é presidente da Autoridade Portuaria de Vigo e candidato do PSdeG á alcaldía de Vigo nas eleccións municipais de 2007.
Foi presidente da Asociación Española de Ciencia Rexional entre 1982 e 1985.
[editar] Obra literaria
Ademais de obras científicas, escribiu catro novelas en castelán:
- La elipse templaria. Edit. Martínez Roca.
- El hombre que tenía miedo al mar. Edit. Martínez Roca
- La puerta amarilla. Edit. Styria.
- El invierno de las almas desterradas. Belaqcua de Ediciones y Publicaciones. 2006.