Avro Manchester
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Avro Manchester | |
---|---|
Manchester B Mk.IA | |
Tipo | Bombardeiro |
Fabricante | Avro |
Primeiro vóo | 25 de xullo de 1939 |
Usuario | Royal Air Force |
Construídos | 209 |
Variantes | Avro Lancaster |
O Avro Manchester foi un bombardeiro medio nocturno británico usado pola RAF durante a Segunda Guerra Mundial. O seu prototipo voaría por primeira vez o 25 de xullo de 1939. Resultou ser un fracaso debido á súa falta de prestacións, xa que o motor foi instalado antes de estar a punto, pero a súa célula foi a base do famoso Lancaster.
Avro deseñouno segundo o requerimento P.13/36 que solicitaba un bombardeiro medio bimotor que tamén tivese capacidade de bombardeo en picado e pudese realizar labores de recoñecemento. En xullo de 1937, antes de que o avión voase, a compañía asinaría un contrato co Ministerio do Aire británico para mercar 200 exemplares. Os seus motores Rolls-Royce Vulture deron problemas dende un principio debido a un erro de deseño que facía que fallasen rapidamente por fatiga. Ademais a fábrica de Rolls-Royce estaba saturada de traballo e non podían facer moito por arranxar o problema. O programa cancelaríase en 1942 despois de construír 209 avións (13 dos cales foron destruidos antes da súa entrega por un bombardeo alemán).
Bautizouse co nome de Manchester pola localidade onde residía a compañía Avro e entraría en servizo co 207º Escadrón, con base en Waddington, en novembro de 1940. A súa primeira misión na guerra sería a noite do 24 ao 25 de febreiro de 1941 e derradeira misión de bombardeo na noite do 25 ao 26 de xuño de 1942.
[editar] Especificacións
- Tipo: Bombardeiro medio nocturno de sete prazas Avro Manchester Mk IA
- Planta motriz: dous motores Rolls-Royce Vulture de 1.312 hp de potencia unitaria
- Envergadura: 27,46 m
- Lonxitude: 20,98 m
- Peso máximo en despegue: 25.402 kg
- Velocidade máxima: 265 millas/h a 17.000 pés
- Alcance operacional: 1.630 millas cunha carga de bombas de 3.629 kg
- Armamento: oito ametralladoras de 7,7 mm, unha torreta de cola de catro armas e un máximo de 4.695 kg de bombas