Contaminación
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A contaminación é a introdución nun medio calquera dun contaminante; é dicir, calquera substancia ou forma de enerxía con potencial para provocar danos, irreversibles ou non, no medio ambiente.
En función do medio afectado distínguese:
- Contaminación atmosférica. Debida ás emisións atmosféricas. Os contaminantes principais son os produtos de procesos de combustión convencional en actividades de transporte, industriais, xeración eléctrica e calefacción doméstica, a evaporación de disolventes orgánicos e as emisións de ozono e freóns.
- Contaminación do medio hídrico. Presencia de contaminantes na agua (río ou mar). Os contaminantes principais son os verquidos industriais (presenza de metais e evacuación de augas a elevada temperatura) e aguas servidas (saneamento de poboacións).
- Contaminación do solo. Presenza de contaminantes no solo, principalmente debidos a actividades industriais (almacéns, verquidos ilegais), verquido de refugallos sólidos urbanos, produtos fitosanitarios empregados en agricultura (abonos e fertilizantes químicos) e xurros das actividades ganadeiras.
En función da natureza do contaminante distiínquese:
- Contaminación química: Calquera das comentadas nos apartados anteriores. Un determinado composto químico introdúcese no medio.
- Contaminación térmica: Emisión de fluídos a elevada temperatura; pódese producir en cursos de agua. O incremento da temperatura do medio diminúe a solubilidade do osíxeno na auga.
- Contaminación acústica: A debida ó ruído provocado polas actividades industriais, sociais e do transporte, que pode provocar malestar, irritabilidade, insomnio, etc.
- Contaminación lumínica: Brillo ou resplandor de luz no ceo nocturno producido pola reflexión e a difusión da luz artificial nos gases e nas partículas do aire polo uso de luminarias ou excesos de iluminación, así como a intrusión de luz ou de determinadas lonxitudes de onda do espectro en lugares non desexados.
- Contaminación ou impacto visual: Xeralmente de instalacións industriais, edificios e infraestruturas, consistente no afeamento do medio.
En función da extensión da fonte distínguese:
- Contaminación puntual: Cando a fonte se localiza nun punto. Por exemplo, as chemineas dunha fábrica ou un sumidoiro.
- Cotaminación lineal: A que se produce ó longo dunha liña. Por exemplo a contaminación acústica e química polo tráfico dunha autopista.
- Contaminación difusa: A que se produce cando o contaminante chega ó ambiente de forma distribuída, non localizada. A contaminación de solos e acuíferos polos fertilizantes e pesticidas empregados na agricultura é deste tipo. Tamén é difusa a contaminación dos sollos cando a chuvia arrastra ata alí contaminantes atmosféricos, como pasa coa chuvia ácida.