Doutor Who
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Doutor Who é unha serie de televisión británica de ficción científica que comezou a emitirse na Gran Bretaña en 1963, acadando un inmenso éxito e converténdose en serie de culto, con lexións de seguidores só comparables aos da serie estadounidense Star Trek. Trata dun excéntrico científico de orixe alieníxena que viaxa polo tempo e o espazo nunha máquina chamada Tardis, que por fóra ten o aspecto dunha cabina telefónica da policía inglesa. O Doutor (do que nunca coñecemos o seu nome) pode rexenerar o seu corpo ao morrer, cambiando de aspecto todas as veces (o que non deixa de ser unha forma moi orixinal de xustificar os cambios de actor principal cando deixaban a serie). Nos primeiros tempos da Televisión de Galicia puideron verse aquí os episodios protagonizados polo actor Tom Baker, o cuarto en interpretar o personaxe, orixinalmente entre 1974 e 1981, e en Galicia a finais dos anos 80. Na versión galega, o encargado de dobrar a voz do Doutor foi o actor Gonzalo Uriarte.