Elixio Rodríguez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Elixio Rodríguez Domínguez é un destacado galeguista nacido no concello de Bande o 4 de xaneiro de 1910.
O seu mestre, Xosé Taibo, iniciouno no galeguismo cando aínda era un rapazolo, logo estudou cos maristas en Venta de Baños (1920) e en Tui. Malia a expulsión que sufriu nesta cidade, conseguiu ser admitido nos maristas de Ourense. Durante a Segunda República foi o fundador das Mocidades Galeguistas de Bande e obtivo o título de piloto na Escola de Aviación.
Detido pola Garda Civil ó comezo da Guerra Civil española, pasou dous meses encarcerado no convento de Celanova, conseguiu evitar o paseo enganchando na lexión. Pasou algún tempo en Cáceres en labores administrativos ata entrar na arma de aviación coa esperanza de poder pasar ó bando republicano, e estivo destinado como capitán en León e no pequeno aeródromo de Navia. En febreiro de 1937 incorporouse á Lexión Cóndor, ao mes seguinte conseguiu evadirse nun Breguet XIX a Xibraltar e pasar á zona republicana, alí destinárono á base de San Javier en Murcia pero foi detido e condenado a morte acusado de espionaxe para o inimigo. Grazas á intervención de Castelao e outros deputados galegos residentes en Valencia, conseguiuse a anulación da sentenza e a celebración dun novo xuízo, no cal foi absolvido.
Pasou o resto da guerra en Barcelona ó cargo da intendencia de aviación e como secretario xeral da Solidariedade Galega Antifeixista, ata que coa caída de Cataluña tivo que pasar a Francia, saíndo do país no barco Ipanema cara Veracruz, onde chegou o 13 de xullo de 1939. Aquí aceptou o ofrecemento das autoridades de mexicanas para adoptar a nacionalidade mexicana e estableceu a súa residencia na Cidade de México como empresario e distribuidor. Porén, non perdeu o espírito galeguista, mantivo a militancia no Partido Galeguista no exilio, foi un dos promotores en 1952 e locutor do programa semanal de radio en galego Hora de Galicia, primeiro emitida na emisora XMEC e logo en Cadena Radio Continental. O 29 de xuño de 1953 participou no establecemento do Padroado da Cultura Galega, polo cal foi delegado no Congreso da Emigración Galega celebrado en 1965 en Santiago de Compostela, sendo o único en ler a súa comunicación en galego. Tamén participou na creación da revista Vieiros dirixida por Carlos Velo. En 1994 publicou en Edicións Xerais o libro de memorias "Matádeo mañá".