FIBA
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Nome completo | Fédération Internationale de Basket-ball |
Ámbito | Mundial |
Fundación | 18 de xuño de 1932 |
Deporte | Baloncesto |
Número de socios | 213 |
Presidente | Bob Elphinston |
Secretario Xeral | Patrick Baumann |
Sede | Xenebra, Suíza |
Páxina web oficial |
A Federación Internacional de Baloncesto (en francés: Fédération Internationale de Basket-ball), máis coñecida baixo o seu acrónimo francés FIBA (pronunciado [ˈfibʌ]), é unha asociación de federacións nacionais encargada de organizar e gobernar as competicións internacionais de baloncesto. Orixinalmente coñecida como Fédération Internationale de Basket-ball Amateur, en 1989 eliminou a derradeira palabra do seu nome oficial, aínda que seguiu mantendo as iniciais.
A súa sede actual está en Xenebra, Suíza, e o seu presidente é Bob Elphinston, de Australia.
Índice |
[editar] Historia
A asociación foi fundada en Xenebra, Suíza o 18 de xuño de 1932, dous anos despois de que o Comité Olímpico Internacional recoñecese oficialmente o baloncesto como deporte olímpico. O nome orixinal foi Fédération Internationale de Basket-ball Amateur, e foi inicialmente composta por oito federacións nacionais: Arxentina, Checoslovaquia, Grecia, Letonia, Portugal, Italia, Romanía e Suíza, sendo o seu primeiro Presidente León Bouffard, de Francia, e o seu primeiro Secretario Xeral R. Williams Jones, de Estados Unidos.
Durante os Xogos Olímpicos de 1936, que tiveron lugar en Berlín, a FIBA nomeou a James Naismith Presidente de Honra da organización, quen ademais foi o lanzador do balón no salto no partido inaugural dos Xogos entre Francia e Estonia.
Cinco anos despois da súa creación, en 1937, a FIBA xa contaba con 36 federacións nacionais inscritas, número que seguiría a crecer ó longo da súa historia, e en 1940 a súa sede transladaríase dende Xenebra a Berna, tamén en Suíza.
En 1948, William N. Greim convértese no segundo Presidente da FIBA.
A FIBA organiza o seu primeiro Campionato mundial de baloncesto masculino en 1950 en Arxentina, tal e como se decidira no Congreso Mundial que tivera lugar en Londres dous anos antes co motivo dos Xogos Olímpicos. Disputáronno 10 seleccións. En 1953 chegou o feminino, disputado en Chile tamén por 10 seleccións. Na actualidade ámbolos dous eventos dispútanse cada catro anos, alternándose coas Olimpíadas, polo de agora sen interrupcións.
En 1956 as oficinas centrais móvense de novo, esta vez a Múnic, en Alemaña. En 1960, sae elixido un novo presidente, Antonio dos Reis, que exercería o cargo ata 1968, ano en que sería relevado por Abdel Moneim Wahby. Este exercería ata 1976, cando Gonzalo G. Puyat II é nomeado. Nese mesmo ano, e tras 44 anos no cargo de Secretario Xeral, R. Williams Jones decide retirarse, e é substituído por Borislav Stanković. En 1984, Robert Busnel convértese no sexto Presidente da FIBA.
Nese mesmo ano, 1984, é cando a FIBA decide un dos cambios máis importantes no baloncesto, a introdución da liña de tres puntos.
En 1989 a FIBA abriu a súa porta ós baloncestistas profesionais no Congreso Mundial de Múnic, os xogadores da NBA, a liga profesional dos Estados Unidos, entre outros, poderían disputa-las Olimpíadas e os Mundiais. Nese momento foi cando a palabra Amateur foi eliminada do nome, aínda que o acrónimo se mantivo. Ademais, introduciuse a organización continental por Zonas.
En 1990, George E. Killian é nomeado Presidente, converténdose no sétimo da historia, sendo substituído en 1998 por Abdoulaye Seye Moreau.
En 2002, as oficinas centrais regresan ó seu lugar de orixe, Xenebra, en Suíza. Pouco despois da volta, Carl Men Ky Ching sería o noveno Presidente; e un ano despois, Patrick Baumann o terceiro Secretario Xeral da historia da FIBA.
Na actualidade están en construción unhas novas oficinas a 25km ó norte de Xenebra, na cidade de Nyon, en Suíza, estando a súa finalización prevista para 2009.
[editar] Obrigacións
A FIBA é a encargada de defini-las regras do baloncesto internacional, de especifica-lo equipamento a utilizar, de regula-los traspasos internacionais de xogadores e de controla-la preparación dos árbitros internacionais.
[editar] Organización
A FIBA está dirixida polo Comité Central (Central Board en inglés). Está composto por vinte membros máis tres ex-officio, dos cales seis son os encargados de dirixi-lo propio Comité Central[1] ostentando os cargos principais (Presidente, Vicepresidente, Secretario Xeral, Secretario Xeral de Honra e Tesoureiro). Reúnense dúas veces ó ano.
O Comité Central é elixido cada catro anos durante a celebración do Congreso Mundial, coincidindo co Mundobasket, no que se reúnen os delegados de tódalas federacións nacionais que compoñen a FIBA. Cada federación pode enviar como máximo dous delegados, e ademais de elixir a diretiva, tamén establece as regras oficiais do baloncesto e os Estatutos da propia FIBA.
[editar] Diretiva na actualidade
Esta é a diretiva para o período 2006-2010:
- Presidente: Bob Elphinston
- Vicepresidente: George Vassilakopoulos
- Secretario Xeral: Borislav Stanković
- Secretario Xeral de Honra: Patrick Baumann
- Tesoureiro: Manfred Ströher
[editar] As Comisións
A FIBA ten ademáis dez comisións permanentes, con funcións propias. Son as seguintes:
- Comisión para Competicións Internacionais: É a encargada de regula-los calendarios e de poñer as normas das competicións internacionais.
- Comisión para o Baloncesto Feminino: É a responsábel do baloncesto feminino a nivel global.
- Comisión para o Baloncesto Mozo: É a responsábel do baloncesto mozo a nivel mundial.
- Comisión para o Baloncesto da Commonwealth.
- Comisión Ética.
- Comisión Legal: É a responsábel de desenvolver as propostas de modificación dos regulamentos internos da FIBA, e aplica as regulacións para o status dos xogadores con respecto as seleccións.
- Comisión Técnica: É a responsábel das propostas de modificación das regras do baloncesto e do entrenamento técnico dos árbitros internacionais de baloncesto.
- Comisión Médica: É o corpo consultivo sobre os asuntos médicos, incluíndo entre eles a dopaxe.
- Comisión de Apelamentos: É a responsábel de arbitra-los asuntos baloncestísticos en que a FIBA non estea diretamente implicada, e de escoita-las apelacións ás sancións e decisións da FIBA.
- Comisión Financeira: É a encargada de estuda-la situación económica da FIBA e de face-los presupostos conxuntamente co Tesoureiro.
[editar] As Zonas
A FIBA ten cinco organizacións a nivel continental, chamadas Zonas. A misión destas zonas é organizar o baloncesto na zona que lles corresponde, así coma organizar os campionatos internacionais no seu continente, que tamén serven de cualificación para o Campionato Mundial.
As zonas, por orde alfabética, son:
- FIBA África
- FIBA Américas
- FIBA Asia
- FIBA Europa
- FIBA Oceanía
[editar] As federacións nacionais
- Ver artigo principal: Lista de membros da FIBA
A FIBA, na actualidade, componse de 213 federacións nacionais diferentes, formando o seu apoio, e sendo as representantes dela a nivel nacional. Encárganse de organiza-las competicións nacionais, así como de tódalas seleccións de cada país.
As oito fundacionais foron Arxentina, Checoslovaquia, Grecia, Letonia, Portugal, Italia, Romanía e Suíza.
A última que entrou foi a de Montenegro, o 4 de setembro de 2006[2], que debido á segregación de Montenegro de Serbia pasou a ser unha federación nova.
[editar] O logo e o lema
O logo da FIBA[3] na actualidade está composto de dous cadrados.
No primeiro cadrado, o de arriba ou o da esquerda, según se represente o logo en horizontal ou vertical (utilízanse ámbalas dúas formas), aparecen cinco manos de cores diferentes, agarrando un balón de baloncesto. Isto representa a globalidade da FIBA, xa que cada man representa a un continente diferente. As mesmas cores úsanse para distinguir as Zonas.
No segundo cadrado, o da dereita ou o de abaixo, aparecen as siglas da organización (FIBA), e en máis pequeno e por debaixo, o lema: We are basketball (en galego: Somos baloncesto).
[editar] Competicións
A FIBA é a encargada de organiza-las seguintes competicións internacionais de baloncesto:
- O Mundobasket.
- O Mundobasket feminino.
- A Copa Stanković de campións continentais.
- A Copa mundial de baloncesto feminino por clubes.
- O Mundobasket Sub-21.
- O Mundobasket feminino Sub-21.
- O Mundobasket Sub-19.
- O Mundobasket feminino Sub-19.
[editar] Rankings FIBA de seleccións
- Ver artigo principal: Rankings FIBA de seleccións
A FIBA elabora unhas clasificacións propias de seleccións nacionais, nas cales se teñen en conta as posicións nas diferentes competicións internacionais en que toman parte ditas seleccións, ponderando uns valores, conforme á clasificación final, dados previamente e que son variables segundo o campionato xogado.
Estas calificacións van por ciclos, sendo un ciclo o tempo comprendido por dúas Olimpíadas, é decir, oito anos.
Existen tres rankings, o masculino, o feminino e o combinado.
[editar] Vexa tamén
- James Naismith
- Copa Naismith
- WildCard da FIBA
- NBA
- Baloncesto
- Campionato mundial de baloncesto
[editar] Notas, fontes e referencias
- ↑ (en inglés) A dirección do Comité Central na web da FIBA
- ↑ (en inglés) A nova da entrada de Montenegro na web da FIBA
- ↑ O logo na web oficial da FIBA
[editar] Ligazóns externas
- Web oficial da FIBA (en inglés)
|
África: FIBA África | Asia: FIBA Asia América: FIBA Américas | Europa: FIBA Europa Oceanía: FIBA Oceanía |
|