Francesc Cambó
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Francesc Cambó i Batlle (Verges 1876 - Bos Aires 1947) foi un político catalán, fundador e líder da Lliga Regionalista.
Estudou dereito e filosofía e letras na Universidade de Barcelona. En 1901 foi un dos fundadores da Lliga Regionalista e foi elixido concelleiro do concello de Barcelona. Deputado nas Cortes entre 1907 e 1910, na súa actividade política defendeu a adopción dun estatuto de autonomía para resolver o problema catalán, aínda que acabou aceptando a Mancomunidade catalana como solución de compromiso.
Tras a morte de Enric Prat de la Riba en 1917, Cambó converteuse no líder da Lliga e foi ministro en dous gobernos conservadores, en 1918 ministro de fomento e en 1921 ministro de finanzas, nos dous casos con Antonio Maura como presidente do goberno.
Nas eleccións de 1931 non conseguiu acceder ao Parlamento e marchou ao estranxeiro ata que en 1933 logrou unha acta de deputado, que non revalidou en 1936. Cando estoupou a Guerra civil española atopábase no estranxeiro e aínda, que inicialmente non estaba a favor dos militares sublevados, rematou axudándoos por temor a que se establecese unha república prosoviética de gañaren os republicanos e chegou a financiar con importantes sumas ao bando franquista.
Tras a guerra viviu en Suíza, os Estados Unidos e a Arxentina.
Cambó fixo de mecenas de numerosas actividades artísticas e culturais. Destaca a creación en 1922 da Fundación Bernat Metge, que traduciu ao catalán numerosos textos clásicos gregos e latinos. Tamén escribiu algúns libros como Les Dictadures (1929) e Per la concòrdia (1930)