Guerra Civil inglesa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O período da historia de Inglaterra coñecido como Guerra Civil inglesa foi unha serie de conflitos armados e maquinacións políticas entre os parlamentarios e os realistas desde 1642 a 1651.
A Guerra Civil supuxo o xuízo e execución de Carlos I de Inglaterra, o exilio do seu fillo Carlos II de Inglaterra e a substitución da monarquía inglesa pola Commonwealth de Inglaterra (1649-1653) e despois o Protectorado (1653 - 1659), o goberno persoal de Oliver Cromwell. Supuxo a fin do monopolio da Igrexa de Inglaterra e a consolidación da supremacía política en Irlanda. Constitucionalmente a guerra estableceu o primeiro precedente que os monarcas ingleses non poderían gobernar sen o Parlamento que se estableceu definitivamente coa Revolución de 1688.
En Inglaterra a importancia da burguesía desde fins do século XVI ía en aumento e cada vez toleraba menos o monopolio político e os privilexios da aristocracia ademais a monarquía absoluta inglesa non tiña a fortaleza que tiña noutros países europeos xa que o Parlamento, formado pola nobreza, o clero e os burgueses, aínda que controlado polo rei seguía a reunirse de forma periódica e tendía a limitar os poderes do monarca. Relixiosamente Inglaterra estaba dividida en dúas confesións protestantes, por un lado a oficial era a Igrexa de Inglaterra que tiña como cabeza ao rei pero entre a burguesía e a pequena nobreza dominaban as igrexas puritanas de orixe calvinista.
O conflito estoupou en 1642 ao esixirlle o Parlamento ao rei Carlos I que recoñecera a súa supremacía sobre as decisións reais. O rei fronte a ese pedimento marchou de Londres e formou un exército para dobregar ao Parlamento, ese foi o comezo da guerra civil.