Johán Vicente Viqueira
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Johán Vicente Viqueira Cortón (Madrid 1886 - Bergondo 1924) foi un escritor galego, ao que en 1974 se lle dedicou o Día das Letras Galegas.
De familia galega naceu o 22 de outubro de 1886 en Madrid, pero viviu ata os 12 anos en Vixoi, Bergondo. En 1898 trasladouse a Madrid para estudar na Institución Libre de Enseñanza. o que o puxo en contacto co pensamento científico moderno. Dende os 15 anos sufreu unha enfermidade crónica nos cadrís, polo que pasa épocas inmobilizado e mesmo foi operado en París dúas veces.
En 1911 licenciase en filosfofía pola Universidade de Madrid e amplía estudos en Alemaña ata 1914. Logo de dar clase na Institución Libre de Enseñanza aproba por oposición en abril de 1917 a cátedra de psicoloxía do Instituto de Santiago de Compostela, en maio casa con Jacinta Landa e a fin de ano trasládase ao Instituto da Coruña, alí ingresa nas Irmandades da Fala, chegando mesmo a ser o presidente das IF da Coruña, e colabora con A Nosa Terra. Morreu o 29 de agosto de 1924.
[editar] Obra
Viqueira escribiu en castelán obras sobre filosofía, psicoloxía e pedagoxía como Introducción a la Psicología pedagógica, Elementos de Ética, Lecciones elementales de historia de la Filosofía, Ética y Metafísica, La Psicología contemporánea e traducións de Teócrito, Inmanuel Kant ou David Hume. A maioría da produción en galego de Viqueira editárona os seus amigos no volume Ensayos y Poesías en 1930.
A obra galega de Viqueira centrouse sobre todo no sistema educativo, na súa galeguización e na súa reforma, así como na ortografía do galego que Viqueira quería que se achegase á portuguesa, o artigo publicado en A Nosa Terra en 1918 Pol-a reforma da ortografía, considérano algúns o nacemento do reintegracionismo.