Libro dos mortos
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Este artigo é sobre o Libro dos mortos exipcio. Para o Libro dos mortos tibetano, ver o artigo Bardo Thodol.
O libro dos mortos é un título convencional que designa unha recopilación de fórmulas máxico-funerarias dos antigos exipcios. Os exipcios coñecíannas como O libro da saída á luz e o título moderno foi inventado polo exiptólogo Karl Richard Lepsius cando publicou unha selección en 1842.
Non se trataba dun "libro" como os actuais: o texto gravouse inicialmente no exterior do sarcófago e, a partir da XXVIII Dinastía (século XVI a.C.), en vendas e papiros que se colocaban entre as pernas da momia para que as tivese a man. Os primeiros escribíronse en hieroglifos; desde a XXI Dinastía fóronno en hierático e posteriormente en demótico. O libro dos mortos acompañábase frecuentemente doutros textos, incluído o hypocephalus ("baixo a cabeza"), que era unha versión reducida do texto completo.
O Libro dos mortos era unha colección de encantamentos, feitizos, contrasinais e outras fórmulas máxicas para uso do finado no alén. Pretendían guiar ao morto através das probas que atoparía e garantir unha pasaxe sen incertidumes. Os textos describen moitos dos elementos básicos da mitoloxía exipcia e considerábanse imprescindíbeis para desfrutar da vida eterna.
Os temas céntranse no mito de Osiris, señor do alén, no xuízo do difunto (psicostasia) e na existencia após a morte. O Libro dos mortos ilustrábase con imaxes que mostraban os personaxes e probas coas que se atoparía o defunto. A máis importante era o momento en que se pesaba a alma contra Ma'at (a "verdade"), que levaba a cabo Anubis; o deus Thoth levantaba acta do resultado e o monstro Ammit agardaba, disposto a comerlle o corazón se non superaba a proba.
As versións máis antigas datan do século XVI a.C., durante a XVIII Dinastía. Incorporaban en parte dúas coleccións anteriores de literatura relixiosa coñecidas como os Textos dos cadaleitos (arredor do ano 2000) e os Textos das pirámides (entre o 2600 e o 2300), que foron sendo substituídos polo Libro dos mortos. O texto máis completo é o Papiro de Turín, de época ptolemaica, que está subdividido en 165 fórmulas ou "capítulos".
No ano 1888, o doutor E. Wallis Budge, daquela axente de compras do Museo Británico, prestou atención a algúns rumores sobre un achádego arqueolóxico espectacular no Alto Exipto, e así atopou, nunha tumba da Dinastia XVIII, cerca de Luxor, "o maior rolo de papiro que vira nunca, suxeito cunha ancha banda de papiro, e en perfecto estado de conservación". Era unha copia do Libro dos Mortos, escrito en torno ó ano 1500 a. de C. por Ani, Escriba Real de Tebas, Supervisor dos Graneiros dos Señores de Ábidos, e Escriba das Ofrendas dos Señores de Tebas.
O texto en si particularizábase para cada finado, de xeito que non hai dúas copias iguais. Hai, porén, catro grupos:
- A versión heliopolitana, editada polos sacerdotes do colexio de Annu e utilizada entre as V Dinastía e a XI Dinastía e nos muros das tumbas até finais do século III;
- A versión tebana, que contiña só hieroglifos e se utilizou entre a XX Dinastía e a XXVIII Dinastía;
- unha versión en hieroglifos e hierático, moi próxima da versión tebana, sen orde fixa de caracteres e utilizada fundamentalmente durante a XX Dinastía.
- A versión saíta, que ten unha orde estrita e se empregou após a XVI Dinastía.
[editar] Ver tamén
- Libro das Portas