Linguas anatolias
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Indoeuropeo |
---|
Linguas indoeuropeas |
Albanés | Anatolias | Armenio Bálticas | Celtas | Dacio | Xermanas Grego | Indoiranianas | Itálicas | Frixio Eslavas | Tracio | Tocario |
Indoeuropeos |
Albaneses | Anatolios | Armenios Bálticos | Celtas | Xermanos Gregos | Indoarianos | Indoiranianos | Iranís Latinos | Eslavos | Tracios | Tocarios |
Protoindoeuropeos |
Linguas | Sociedade | Relixión |
Hipótese de Urheimat |
Hipótese de Kurgan | Hipótese anatoliana Hipótese armenia | Modelo Indio | Contunuídade paleolítica |
Estudos indoeuropeos |
As linguas anatolias constitúen unha familia de linguas indoeuropeas faladas en Anatolia nos milenios IIº e I antes da nosa era.
A súa filiación é a seguinte:
- nesita (ou hitita-nesita), chamada máis comunmente hitita
- luvita
- palaíta
- cario
- pisidio
- sidético
- lidio, que semella ter coñecido unha evolución máis importante.
Tras seren descifradas no século XX, as linguas anatolias permitiron validar certas hipóteses relativas á evolución do indoeuropeo emitidas polos lingüistas do fin do século XIX, en particular a análise estrutural proposta por Ferdinand de Saussure:
- Todas as linguas indoeuropeas daquela coñecidas tiñan tres xéneros: masculino, feminino e o neutro. Os especialistas estimaban que se trataba dunha derivación dun sistema maís vello no que funcionaba unha distinción entre o animado e o inanimado. O descubrimento do hitita-nesita confirmou esta hipótese: esta lingua conservara o vello sistema. Existe, en efecto, nas linguas anatolias o genus commune (animados) e genus neutrum (inanimados);
- Como as raíces indoeuropeas estaban normalmente constituídas sobre unhas consoantes ao redor das que articulaban unha (ou varias) vogais alternantes (á maneira das raíces semíticas), unha hipótese estimaba que cada raíz debía comezar por unha consoante, cousa que non ocorre, agás que supoñamos a existencia dunha consoante inicial que tería enmudecido en todas as linguas. Supoñer a súa existencia permitía poñer as bases dun sistema máis coherente. Tras o desciframento do hitita, déronse de conta de que, xustamente, esta lingua conservara esta consoante. O sistema que se supoñía víase, daquela, confirmado. Por exemplo, podemos comparar o hitita haui- (cunha laringal inicial) co latín oui-s: os dous significan ‘’ovella’’;
- De xeito parecido, as linguas indoeuropeas coñecen alternancias vocálicas moi frecuentes que, tal e como adiviñara Saussure, proveñen de feito do enmudecemento dunha laringal, que pode colorear unha vogal en contacto e facela experimentar un alongamento compensatorio. Este fenómeno, chamado teoría das laringais testemúñase en varias ocasións, grazas ao descubrimento das linguas anatolias. Cómpre resaltar que Saussure tivo a intuición destas laringais (sen chegar á conclusión de que se trataba de consoantes) e as chamara coeficiente sonántico. Máis tarde, inspirándose en gran maneira no funcionamento das linguas semíticas, foron denominadas co nome de schwa (termo propio da gramática do hebreo). Hoxe o termo de laringal é o máis frecuente.
Así, ao conservar algúns caracteres arcaicos, as linguas anatolias desempeñan un papel importante na nosa comprensión da evolución das linguas indoeuropeas e mesmo forzan a supoñer que, xeneticamente, as linguas indoeuropeas non forman as familias que se supoñían. O seu estudo é primordial en lingüística comparada das linguas indoeuropeas e, polo tanto, en fonética histórica.
Ao carón destes caracteres arcaicos, as linguas anatolias posúen igualmente un certo número de trazos evolucionados. En particular, o número de casos da súa declinación é de cinco, mentres que o indoeuropeo tal e como se reconstrúe tradicionalmente tiña oito. Se ben isto pode ser explicado por unha evolución independente da lingua, algúns lingüistas ven nisto a pegada dunha diverxencia anterior ao estadio do indoeuropeo. O indoeuropeo e as linguas anatolias, en lugar de estar en relación pai-fillo, sairían dunha lingua común, ás veces chamada indo-hitita. Esta opinión é minoritaria xa que non está apoiada por ningún argumento non lingüístico.