Marcial Valladares Núñez
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Marcial Valladares Núñez foi xornalista sobranceiro, poeta, novelista e lexicógrafo. Naceu no lugar e casa de Vilancosta --sito na parroquia de Berres, concello pontevedrés da Estrada-- o 10 de xuño de 1821 no seo dunha familia acomodada.
Cursou a carreira de Dereito na Universidade de Santiago. Retirouse en 1866 ó seu lugar natal para se consagrar ás letras. Abandonou tamén as actividades políticas, chegou a ser deputado, ás que adicara parte das súas enerxías durante algún tempo. Finou o 20 de maio de 1903.
[editar] Obra
É autor dun dicionario galego-castelán con 11.000 vocablos que recolleu entre 1850 e 1884, ao que incorporou como referencia 240 cántigas e 460 textos en prosa, na súa maioría literatura popular. Unha das súas composicións máis temperás como poeta leva o título de Suidades. Está escrita en hendecasílabos de tipo sentimental. Apareceron despois, A fonte do Pico Sacro de acento didáctico, en quintillas, A castañeira en Santiago, monólogo de certa calidade. Da súa autoría é tamén unha serie de cantares de tipo popular, que titulou Vilancosta.
Como novelista ven ser, cronoloxicamente, o primeiro da nosa renacencia. En efecto, a el débeselle Maxina ou a filla espúrea, novela inicial da narrativa galega. Trátase pois dun mérito histórico. Pero ten máis importancia, sen dúbida, como lexicógrafo que como novelista.