Martin Buber
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Martin Buber (Viena 1878 - Xerusalén 1965) foi un filósofo e escritor xudeu.
Pasou boa parte da infancia co seu avó, un erudito na tradición e literatura xudía, en Lviv (Ucraína), tras unha crise relixiosa comeza a ler a Kant e Nietzche. En 1896 marcha a estudar a Viena e en 1898 únese ao movemento sionista, en 1902 convértese no editor do semanario Die Welt, o órgano oficial do sionismo. A partir de 1903 estuda a interesarse polo hasidismo, en 1904 Buber deixa o traballo na organización sionista para se dedicar a estudar e escribir.
En 1906 publica Die Geschichten des Rabbi Nachman, unha colección dos contos do rabino hasidí Nachman de Breslau, pero interpretados e rescritos para unha especie de neohasidismo. En 1908 publica Die Legende des Baalschem, historias Baal Shem Tov, o fundador do hasidismo.
Entre 1910 e 1914 Buber estudou mitos e publicou edicións de textos míticos, durante a Primeira Guerra Mundial axudou a establecer a Comisión Nacional Xudía para mellorar as condicións dos xudeus de Europa oriental, e foi o editor da revista Der Jude ata 1924. En 1922 Buber e Franz Rosenzweig abriron a Freies Jüdisches Lehrhaus
En 1923 escribiu a súa obra máis coñecida Ich und Du (Eu e máis ti), e en 1925 con Rosenzweig comeza a traducir a Biblia hebrea ao alemán.
En 1930 Buber conveteuse en profesor honorario da Universidade de Frankfut, pero á chegada dos nazis ao poder prohibíronlle dar leccións nela, en resposta á prohibición para os xudeus de acudir á educación pública funda a Oficina central para a educación dos xudeus adultos.
En 1938 deixa Alemaña e aséntase en Xerusalén, alí entra na Universidade Hebrea de Xerusalén e participa na discusión dos problemas dos xudeus en Palestina e na cuestión árabe, milita no grupo moderado Ichud, que reclamaba un estado binacional para árabes e xudeus en Palestina.