Partido Socialista Galego
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Partido Socialista Galego (PSG) foi un partido galego nacionalista de esquerdas.
[editar] Fundación
O 23 de agosto de 1963 Mario Orxajes Pita, Salvador Rei, Salvador García Bodaño, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Cesáreo Saco, Manuel Caamaño e Ramón Piñeiro nunha xuntanza clandestina fundan o PSG.
O novo partido atraeu a antigas membros do Partido Galeguista como Francisco Fernández del Riego, que foi elixido presidente do partido, Amado Losada, Domingo Pombo e a mozos influídos polo piñeirismo como Xosé Manuel Beiras Torrado e Ramón Lugrís.
[editar] Historia
En 1965 comeza a editar en Perpiñán o seu voceiro Adiante, dende 1969 edítase en Galicia co nome de Galicia Socialista.
En 1972 o PSG elixe como secretario xeral a Xosé Manuel Beiras, e asume como súa a teoría do colonialismo interior. En 1974 o PSG participa na Conferencia Socialista Ibérica co PSOE, Moviment Socialista de Catalunya, Partit Socialista del País Valencià e a Unión Sindical Obreira, que en 1976 xa sen o PSOE transfómase na Federación de Partidos Socialistas.
En 1975 intégrase no seo do PSG o Movimento Socialista Galego de Álvarez Gándara e González Amadiós. Tralos malos resultados das eleccións xerais de 1977 e as presións do PSOE esfarelan a FPS, e o PSG entra en crise, Beiras sae da dirección e os partidarios de se achegar ao PSOE forman o Colectivo Socialista-PSG liderado por Rodríguez Pardo, Ceferino Díaz e Fernando González Laxe, que agrupaba arredor de 100 militantes. A dirección do PSG opta por expulsar ao colectivo que acaba integrándose no PSOE.
O PSG participou na constitución de Unidade Galega para participar nas eleccións xerais e municipais de 1979, pero a diferenza do resto de partidos integrantes de UG negouse a entrar na Comisión dos 16, que tiña que elaborar o proxecto de Estatuto de Galicia No II Congreso de xuño de 1980 desbotouse a posibilidade de confluír co Partido Obreiro Galego, pero apoia a creación da Mesa de Forzas Políticas Galegas co BNPG, co programa das Bases constitucionais de 1976, esta decisión de se achegar ao BNPG provoca un forte descontento no seo do PSG que provoca a saída de numerosos militantes.
Para as eleccións autonómicas de 1981 acode en coalición electoral co BNPG, dos tres deputado elixidos, Claudio González Garrido é militante do PSG. Cando se forma o BNG o PSG intégrase nel, pero en 1983 decide abandonalo, o que provoca a desfeita do PSG, unha parte ingresa no BNG como Colectivo Socialista e o resto, liderado por Domingo Merino fusiónase con Esquerda Galega en 1984 formando o PSG-EG.
[editar] Militantes
O PSG foi un partido de cadros, ata 1975 non pasou de 100 afiliados, e chegou ata os 650 afiliados arredor de 1980.