Pericles
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Pericles (-495- -429). Político e orador ateniense. Foi o principal estratego de Grecia. Gran dirixente, un home honesto e virtuoso. Chamado o Olímpico, polo súa impoñente voz.
Era fillo de Xantipo, un oficial de mariña que en Salamina gañou o rango de almirante e mandou a flota na vitoriosa batalla de Micala, e de Agarista, sobriña segunda de Clístenes. Rival de Cimón en -459 e xefe do partido democrático, exerceu sobre as súas cidadáns influencia profunda e xeralmente benéfica. Logo da morte de Cimón, condenou a Tucídides ao ostracismo. Fundou en sólidas bases a potencia naval e colonial de Atenas, someteu a illa de Eubea en -446, a Samos en -440 e fixo tomar parte a Atenas na guerra do Peloponeso.
Discípulo de Anaxágoras de Clazómenas e de Zenón de Elea, foi amigo de Fidias e atraeu a Atenas ao arquitecto Hipodamo de Mileto, ao filósofo Protágoras, e ao historiador Heródoto. Na súa época brillaron Sófocles e Eurípides, máximas figuras do teatro grego e destacou o círculo de Aspasia. Fomentou as artes e letras e adornou a Atenas con admirábeis monumentos, como o Partenón e os Propileos e mereceu dar o seu nome ao século máis brillante de Grecia.
Morreu como consecuencia da epidemia de tifo que se desencadeou en Atenas entre os anos -430 e -426, acabando cunhas 300.000 persoas. Segundo un estudo publicado a principios do 2006, levado a cabo pola Universidade de Atenas, a peste antes mencionada foi unha febre tifoide, pois o ADN extraído duns dentes achados nun enterramento grego, no cemiterio de Kerameikos, onde se acharon 150 corpos, vasillas e ofrendas, é semellante ao da Salmonela entérica serotipo Typhi (organismo causante desta febre).