Poesía
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
[editar] A dificultade de definir o concepto de poesía
Aristóteles na súa poética avisa de que, inda que algo se escriba en verso, non quere dicir que sexa poesía lírica. En verso escribíronse a Ilíada e a Odisea ou os romances narrativos. Para Staigner, o chamado sentimento lírico aparece sempre representado en Occidente mediante o verso; pero a relación poesía - verso non é máis ca unha relación de frecuencia, posto que a maioría das veces acontece así. Por iso, a distinción entre prosa e poesía está baseada nunha serie de convencións translingüísticas, porque na lingua non existen diferencias entre ambas. Incluso no século XX, cando a poesía deixa de ser falada e pasa a ser lida, o verso abandona case tódalas súas convencións e convértese en libre, co que se acerca moito máis á prosa. A isto hai que sumar o proceso contrario da prosa poética ou poemas en prosa, pénsese por exemplo na composición “Enlouquecida navegación Interior” presente no libro de poesía Arquitecturas de Cinza de Xosé María Álvarez Cáccamo.
[editar] A lírica no século XX
Ante a dificultade de resumir en poucas liñas as moitas teorías que sobre xéneros hai neste século, inclinámonos por resumir a de Aguiar e Silva no seu libro Teoría da literatura polo que ten de recente e clara ó diferenciar o aspecto natural do histórico:
- Modos literarios:
- Nivel da forma da expresión: son posibilidades transtemporais de enunciación
- Modo lírico.
- Modo narrativo.
- Modo dramático
- Nivel da forma do contido: en función das actitudes do enunciador:
- Modo tráxico
- Modo cómico
- Modo satírico
- Modo elexíaco
- Nivel da forma da expresión: son posibilidades transtemporais de enunciación
- Xéneros literarios: os modos articúlanse en textos concretos por medio dos xéneros con códigos rítmicos, estéticos, compositivos e estilísticos. Os xéneros son formas históricas que teñen unha gran dependencia da tradición sociocultural e literaria.
- Subxéneros literarios: establecidos dentro de cada xénero en función da relevancia que adquiren uns códigos ou outros. Dentro da lírica: oda, elexía, égloga, sátira, etc.
Polo tanto, o xénero lírico é considerado coma un modo natural representado historicamente nuns xéneros e subxéneros determinados.