Provincialismo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O provincialismo foi un movemento político galeguista que xurdiu ó redor de 1840 e procuraba a recuperación de Galicia como única provincia que mantivese a unidade administrativa, social, cultural e económica. Esta unidade rachárase coa división provincial de 1833, que rematara co que se chamara reino de Galicia. Politicamente tivo o seu momento central na revolución de 1846. Literariamente deu lugar ó Rexurdimento.
O provincialismo xestouse arredor de Sociedade Patriótica e Acción Literaria, un grupo de xoves fidalgos apaixoados pola literatura, que descobriran através dela a súa terra galega, o atraso no que estaba sumida e o desprezo con que se lles consideraba. Reuníanse en Santiago periódicamente para realizar conferencias sobre temas como a lexitimidade da pena de morte, o socialismo de Fourier ou a emancipación da muller. Publicaban, en castelán, en medios creados por eles, como El Iris de Galicia, El Centinela de Galicia, El Idólatra de Galicia, El Emancipador Gallego, La Situación de Galicia, La Aurora de Galicia, etc., cuxos títulos revelan cal é o seu centro de interese.
O líder máis destacado foi Antolín Faraldo. Xunto a el, Romero Ortiz, Cocina, Neira de Mosquera ou Pío Rodríguez Terrazo. Murguia, que viu dende a súa xanela cando era un cativo recuar os soldados alzados cara o San Martiño, definiu aquel fito como "a Grande Obra".
Como movemento nunca tivo uns ideais claros e homoxéneos. Pretendíase unha autonomía decisoria de Galiza, nunca clara, talvez ista, e a obtención de tributos propios.
O levantamento de abril de 1846 non tiña un carácter rexionalista, pero os líderes provincialistas que se sumaron, como Faraldo e Rodríguez Terrazo, incorporáronllo. O levantamento provocou o fusilamento de 12 oficiais e o exilio dos dirixentes civís do mesmo. O ideario galeguista prendeu axiña na intelectualidade, producindo o Rexurdimento.