Pucho Boedo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Pucho Boedo (A Coruña 1928 - 26 de xaneiro de 1986) foi un cantante coruñés considerado un mito da canción galega.
Pucho Boedo naceu no Ventorrillo en 1928. Era fillo de Xosé Boedo, membro da CNT asasinado no 36, cando Pucho tiña nove anos. Un ano despois o seu irmán José Antonio Boedo Núñez era tamén fusilado. Outro irmán, Manuel Boedo, con só dezaseis anos, conseguiu fuxir. Andando o tempo Pucho reencontraríase con el. A finais dos corenta comezou a cantar Radio Juventud no Quiosco Alfonso, gañou un concurso e foi fichado pola orquesta Los Trovadores de Alfonso Saavedra. Todos quedaron emocionados coa súa voz. Fíxose profesional primeiro con este grupo e despois con Los Satélites. Con eles viaxou a Venezuela, a primeira vez que unha orquesta galega cruzaba o Atlántico. Da súa volta de América, os Satélites traerían ao campo da festa o poder da música tropical, vinte anos antes de que en Nova York se inventase a palabra salsa. Pucho, porén, ficou en Venezuela.
Voltou para xuntarse de novo cos Trovadores, que tocaban en Madrid no inverno. Con eles gravou os primeiros discos. Pero sería a partir da súa incorporación a Os Tamara, chamado por Prudencio Romo que se faría popular e chegaría ser, como se di no documental na súa honra, O crooner da fin do mundo (crooner significa "cantante melódico" en inglés). Cantou boleros, rancheiras, xotas, tangos, canción italiana e merengues. Actuou no Olimpia de París, compartindo escenario con Charles Aznavour e Jacques Brel. En Suíza, entre as comunidades de emigrantes, a súa voz protagonizou o renacemento da canción en galego, unha lingua prohibida pola dictadura. Púxolles música aos versos de Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Rosalía. Deixou os Tamara en 1976 por problemas de saúde e non volvería a cantar até 1982, cando encetou a súa carreira en solitario.