Prudencio Romo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Prudencio Romo (nado en Noia o 10 de outubro de 1927 e falecido en Santiago de Compostela o 19 de marzo de 2007) foi un compositor e intérprete de guitarra, baixo e violín principalmente. Foi director musical do mítico grupo Os Tamara.
[editar] Familia e comezos
Prudencio Romo era fillo dun guarda de asalto destinado en Galicia que, durante a Guerra Civil, permaneceu fiel á República, polo que estivo preso no Castelo de Santo Antón da Coruña.
Comezou como neno de coro na igrexa de San Martiño de Noia e despois no Seminario de Compostela, onde gañou unha praza no coro da Catedral de Santiago Formouse musicalmente en coros relixiosos e en bandas militares.
[editar] Os Tamara
En 1958 Prudencio Romo foi un dos membros fundadores dos Tamara. O conxunto formouse na vila de Noia para participar nun concurso de Radio Vigo. Aproveitan a viaxe para dar concertos en Vigo, onde os coñece un empresario francés do espectáculo, de turismo na cidade, que os contrata para dar unha xira polas colonias francesas do Norte de África. Nesa época forman os Tamara a canda Prudencio Alberte Romo, Manolo Paz, Pepe Sarmiento, Henrique Paisal e Xermán Olariaga.
Logo dun ano trasládanse a tocar a Francia, onde se lles incorpora Pucho Boedo, e realizan xiras polo país galo, Alemaña e Suíza. Chegan a tocar na Olympia, unha famosa sala de París, compartindo cartel con Jacques Brel ou Charles Aznavour. En 1963 gravan o seu primeiro disco, e comezan a actuar tamén por España e Galicia. A mediados dos sesenta Os Tamara gravan a primeira canción de pop en galego: Galicia, terra nosa. Contaba Prudencio que a discográfica non quería deixarlles grabar esa canción en galego. Para asegurar o éxito de vendas, esixiulles que a cara B do disco fora unha canción en castelán (esa canción foi Gibraltareña). Pero a canción triunfou e o éxito foi tal que despois dela a casa de discos non quería máis que música en galego.
Precisamente esa composición é da autoría de Prudencio Romo ao igual que a coñecidísima Puerto de Compostela (esta última unha crítica ás famosas obras do Peirao do Marqués no porto de Noia). Sen embargo, as cancións A Santiago voy e Mi Tierra Gallega, quizais as dúas cancións dos Tamara máis coñecidas, non son orixinais de Prudencio Romo (senón de Ricardo Ceratto, amigo de Prudencio). Prudencio fixo os arranxos que acabaron facéndoas famosas (aínda que moitas veces se lle atribúen). A partir de aí musican poemas de varios escritores galegos, o que lles provoca problemas coa censura.
[editar] Despois dos Tamara
O grupo disólvese en 1976 coa enfermidade de Pucho Boedo. A partir de aí Prudencio Romo seguiu relacionado coa música, no terreo empresarial, como director do selo Marfer, como arreglista e compoñendo multitude de cancións para diversos artistas da época.
A principios dos 80 voltou a Noia, onde seguiu vinculado ao mundo da música. Formou e dirixiu durante varios anos a Banda da Serra de Outes. Tamén dirixiu os diversos festivais de zarzuela que se fixeron na Sociedade Liceo de Noia. A finais do ano 1994, a corporación municipal de Lousame encargoulle a labor de formar unha banda de música no concello. Foi director dela dende ese momento ata o ano 2006, o ano anterior ao seu falecemento.
No ano 1996, a súa vila natal, Noia, nomeouno fillo predilecto.