Tarántula
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As tarántulas son as arañas máis grandes da familia licósidos (Lycosidae), especialmente membros do xénero Lycosa como L. tarantula. Os colonizadores do Novo Mundo pasaron a chamar tarántulas ás arañas moito máis grandes, das familias americanas Theraphosidae e Dipluridae. Na lingua inglesa a palabra tarantula reférese só a éstas últimas e aos licósidos chámanlles wolf spiders (arañas lobo).
O nome procede do italiano tarentola e alude á cidade de Tarento (Taranto), na Pulla (Puglia), rexión italiana meridional que posúe un clima mediterráneo seco que permite que sexan abundantes estas arañas. A súa popularidade ten que ver co efecto supostamente mortal da súa picadura, que en realidade non é tan grave como a dun par de arañas máis pequenas, Loxosceis rufescens e Latrodectus tredecimguttatus (viúva negra), que tamén se encontran na rexión. Supúñase que unha axitación constante como a que produce a picadura (tarantismo) era a forma apropiada de combater os seus efectos e deuse en chamar tarantela a certa danza que ten un ritmo veloz semellante a eses movementos. Atribuíase a Pirro, rei do Epiro, importar a araña desde o seu país de orixe (no norte de Grecia) como unha forma de guerra biolóxica na súa contenda cos romanos.