Tenzón
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A tenzón ou tenção é un xubxénero da lírica medieval galego-portuguesa en que aparecen as críticas mutuas entre xograis e trobadores.
A tenzón é un xénero menor das cantigas de escarnio. É unha cantiga de carácter dialogado en que, polo xeral, un dos interlocutores fala nunha estrofa e outro na seguinte. Na Arte de Trobar dise que as tenzóns poden ser de amor, de amigo ou de escarnio, mais hoxe téndese a falar de tenzóns coma unha variedade das cantigas de escarnio e maldizer.
Nesta composición dialogan un trobador e un xograr, co interese conseguinte da diferenza social e cultural que podían presentar. O primeiro que intervén elixe o argumento, o outro debe responder aténdose ó mesmo esquema métrico e rítmico. Hai pois unha tendencia á ridiculización pública e son, sen dúbida ningunha, a mellor crónica da vida e da sociedade da época.
Consérvanse trinta tenzóns galego-portuguesas: vinte e oito son burlescas e só dúas son de amor. Este xénero tivo o seu apoxeo na época de Afonso X o Sabio, xa que case todas corresponden ao período entre 1250 e 1280.