Tomás de Zumalacárregui
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Tomás de Zumalacárregui y de Imaz (Ormaiztegi 1788 - Zegama 1835) coñecido popularmente Tío Tomás, foi un militar español que chegou a xeneral carlista durante a Primeira Guerra Carlista.
Naceu no seo dunha familia moi modesta, penúltimo dos once fillos do matrimonio formado por Francisco Antonio Zumalacárregui Múgica, escribano real, e Ana María Imaz Altolaguirre. Quedou orfo de pai aos catro anos e a súa nai decidiu ir vivir a Iriarte-Erdikoa, onde realizou os seus estudos elementais. En 1801 marchou a Idiazábal para formarse na práctica da escribanía e en 1804 instalouse en Pamplona para proseguir cos seus estudos.
En 1808, ao comezar a guerra de independencia marchou a Zaragoza para alistarse, participou no primeiro sitio da cidade, na batalla de Tudela e no segundo sitio de Zaragoza, tras ser feito prisioneiro conseguiu escapar, uníndose ao grupo de Gaspar de Jáuregui (El Pastor), pero persoa estricta e moi relixiosa, non se adaptou á vida desordenada da guerrilla polo que se incorporou ás forzas regulares en canto puido, concretamente ao primeiro batallón de Gipúscoa co rango de oficial, e en 1812 recibiu o grao de capitán. Tras a guerra permaneceu no exército e foi arquiveiro da Capitanía Xeneral do País Vasco.
Home de ideas absolutistas, durante o trienio liberal, foi apartado do servizo activo, púxose ás ordes de Quesada, un dos militares realistas sublevados, combateu cos Cen Mil Fillos de San Luís en Aragón e ascendeu a tenente coronel, tras a restauración de Fernando VII no trono de España e a volta do absolutismo en 1823 formou parte da comisión militar para a represión dos delitos políticos e en 1829 ascendeu a coronel e en 1832 ocupou o posto de gobernador militar de Ferrol, enfrontado coas autoridades navais da localidade solicitou a licenza ilimitada e marchou a Pamplona.
[editar] Primeira Guerra Carlista
Tras a morte de Fernando VII marchou a La Berrueza (Navarra) e uniuse á sublevación carlista baixo o mando de Iturralde e Sarrasa. O 14 de novembro de 1833 os sublevados elixiron en Estella como xefe militar a Zumalacárregui, e comezou a organizar dende a nada en moi pouco tempo un eficaz continxente militar, equipándoo con armas tomadas aos exércitos cristinos nos campos de batalla ou en ataques contra fábricas ou convois, e consciente da súa inferioridade numérica e armamentística reproduciu a táctica guerrilleira que coñecía dende a Guerra de Independencia, amparándose no accidentado do relevo e no apoio de gran parte da poboación civi. O 7 de decembro de 1833 as deputacións de Biscaia e Álava convertérono no xefe das súas tropas. Durante o ano 1834 conseguiu a vitoria na maioría das accións militares, mesmo chegando a provocar a dimisión de Rodil no mando do exército cristino, pero na batalla de Mendaza a fins dese ano saiu derrotado e na batalla de Arquijas optou pola retirada.
Pero en marzo e abril de 1835, coa acción de Larremiar contra Francisco Espoz y Mina e a acción de Artaza contra Gerónimo Valdés, desfixo a tropa cristina que se viu na obriga de retirarse do País Vasco e Navarra, conservando tan só gornicións nas capitais de provincia e nalgunhas cidades da costa. Animado polos seus éxitos militares e pola necesidade de obter financiamento e recoñecemento internacional puxo sitio a Bilbao o 10 de xuño de 1835, o 15 de xuño mentres facía unha rolda de recoñecemento unha bala perdida deulle nunha perna, os seus homes trasladárono a Zegama e morreu o 24 de xuño de 1835, seguramente de septicemia.