Zaragoza
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Zaragoza | |
---|---|
Situación xeográfica | |
País: | España |
Comunidade autónoma: | Aragón |
Provincia: | provincia de Zaragoza |
Xeografía | |
Altitude: | 199 msnm |
Superficie: | 1.058,95 km² km² |
Poboación | |
Poboación total: | 660.895 hab. (INE 2006) |
Densidade de poboación: | 624.1 hab./km² |
Xentilicio: | zaragozano, maño (familiar) |
Información | |
Código postal: | 50.001 - 50.018 |
Alcalde: | Juan Alberto Belloch (PSOE) |
Sitio na web: | www.zaragoza.es |
A cidade española de Zaragoza é a capital da Comunidade Autónoma de Aragón e da provincia de Zaragoza. O seu nome actual procede do seu antigo topónimo romano, Caesar Augusta a través do árabe Saraqusta. Está a beiras dos ríos Ebro, Huerva e Gállego, no centro dun gran val con gran variedade de paisaxes, desde desertos (As Bardenas, Os Monegros, a bosques densos, prados, montaña, etc. Está situada a 199 metros sobre o nivel do mar contando con 650.592 habitantes (dato do concello de Zaragoza ano 2005), aproximadamente a metade da poboación de Aragón. A situación xeográfica de Zaragoza é excepcional xa que se encontra a medio camiño entre Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao, distando as catro en torno aos 300 km de Zaragoza.
Índice |
[editar] Economía
Ademais da vantaxosa situación xeográfica, destaca en Figueruelas (unha localidade próxima) unha factoría de OPEL (General Motors). O progresivo declive da economía agraria converteu a OPEL nun dos principais alicerces da economía da rexión. Á fábrica de automóbeis únense como base da economía aragonesa a empresa Balay, centrada na fabricación de electrodomésticos; CAF (Construciones y Auxiliar de Ferrocarriles S.A.) da que saen unidades ferroviarias tanto para o mercado nacional como para o internacional; SAICA e Torraspapel no sector papeleiro e diversas empresas de carácter rexional-nacional como Pikolin ou Lacasa que aos poucos se vai abrindo camiño no mercado internacional.
Actualmente, a economía da cidade está en pleno desenvolvemento debido a proxectos como a Exposición Internacional de 2008 [1], a Plataforma Loxística de Zaragoza (PRAZA), o Parque Tecnolóxico de Reciclado (PTR), así como pola paraxe do tren de Alta Velocidade Española (AVE) desde decembro de 2003, que consolida a cidade como centro de comunicacións.
[editar] Comunicacións
Está comunicada co resto da Península ibérica (Barcelona, Madrid, Bilbao, Huesca) mediante autovias e autoestradas; aínda que a Autovía Mudéjar, que comunicará Somport coa Comunidade Valenciana aínda se encontra en fase de execución.
O aeroporto de Zaragoza-Garrapinillos, moi próximo á cidade, soportaba escaso tráfico de pasaxeiros até 2004. Desde entón todo mudou: tras a instalación no aeródromo da aeroliña Ryanair, o tráfico de pasaxeiros é máis do dobre que o rexistrado en 2004. No 2005, Ryanair ofertaba un voo diario a Londres e outro a Milán. Ademais, en períodos de ferias tales como verán e Semana Santa continúanse programando voos chárter, destacando os programados por Air Europa. A situación deste aeroporto perto de Cataluña, País Vasco, Navarra, A Rioxa ou mesmo o sur de Francia, fan, por un lado, que as compañías de baixo custo atraian viaxeiros para encher os seus voos, pero, por outro lado, impiden que outras aeroliñas sen subvencións se estabelezan en Zaragoza, xa que a proximidade do aeroporto de Bilbao e do de Barcelona restan área de influencia ao aeródromo zaragozano. Ademais, coa chegada do AVE, Madrid está a só 2h de Zaragoza, o que imposibilita que o aeroporto se especialice en voos nacionais.
O 11 de outubro de 2003 inaugurouse a liña de alta velocidade Madrid-Zaragoza-Lleida, que con paraxes intermedias en Guadalaxara e Calatayud, garante a ligazón de Zaragoza con Madrid nunhas 2 horas e con Lleida nuns 45 minutos, a través de trens AVE. Ademais, os trens Altaria de RENFE que unen Madrid con Barcelona, non deixan de achegar a capital catalá cada día máis a Zaragoza.
[editar] Lugares de interese
Zaragoza é unha cidade bimilenaria pola que pasaron a práctica totalidade das civilizacións que dominaron a Península Ibérica, sendo unha importante cidade en diferentes épocas. Debido a iso, hai restos e monumentos de todos os estilos e épocas. A pesar de ter restos e edificios de gran beleza, Zaragoza é aínda unha cidade descoñecida para a maioría dos españois e mesmo zaragozanos. Espérase que coa próxima celebración da Exposición Internacional de 2008 que esta situación mude radicalmente e converta a Zaragoza nun destino preferido no turismo cultural e de interior.
Os 3 grandes lugares de interese obrigados en toda visita a Zaragoza son:
- O Pilar, unha grande obra relixiosa decorada con pinturas de Goya e o seu cuñado Francisco Bayeu. A praza anexa, a Praza do Pilar, é unha das máis extensas de Europa, con medio quilómetro de longo e un área aproximada de 2,5 hectáreas.
- A Sé (Seo) ou Catedral do Salvador, recentemente restaurada e mestura de estilos, desde os seus basamentos románicos até o barroco, pasando polo gótico e o mudéxar, está construída sobre os restos da mesquita de época musulmá e esta, de súa vez, sobre un templo romano. Non hai que deixar de ver o seu ciborio, ábsida, o retablo do altar maior e o órgano.
- O Palacio da Aljafería: construción árabe que foi palacio do rei taifa de Saraqusta, de forma temporal do rei Fernando o Católico, que a reformou. Foi sede da Inquisición e actual sede das Cortes de Aragón. Pódese visitar destacando o patio rodeado de arcos de ferradura entrelazados con excelentes xesarías, o mirab, e a planta superior, de factura renacentista, coa gran escaleira de acceso e o salón do trono.
[editar] Festas
A festa da patroa celébrase o 12 de outubro, día Virxe do "Pilar" (Piar), coñecida popularmente como O Pilar. Estas festas son moi coñecidas e atraen un gran número de turistas, principalmente por actos como a ofrenda de flores á Virxe e a grande animación que viven as rúas. A festa do patrón é San Valero e celébrase o 29 de xaneiro. É costume comer nese día un roscón. Tamén é popular o refrán que di: "San Valero, rosconero y ventolero", xa que é frecuente que sopre con forza o mistral (cierzo) por esas datas.
[editar] Historia
Historicamente, o lugar era unha vila íbera chamada Salduie ou Salduba. En época ibérica foron os sedetanos os que ocupabn o territorio. Os sedetanos, ao contrario que os seus poderosos veciños, os ilergetes, apoiaron os romanos na Segunda Guerra Púnica. A primeira mención deste pobo é de Tito Livio, que describe cómo os romanos, en resposta a un ataque dos ilergetes aos sedetanos, derrotaron os primeiros e mataron os seus xefes. No 195 adC, un dos dous cónsules romanos, Marco Porcio Catón , tivo que ir ao val do Ebro pacificar as tribos íberas que se levantaran contra o imperialismo romano. Gañou as batallas, mais non cumpriu o seu obxectivo: non só non pacificou as tribos íberas, senón que estendeu o problema a territorio celtíbero. Catón tamén lle deu nome ao forte vento que sopra no val: cercius, o cierzo. Houbo que agardar a Tiberio Sempronio Graco para que a situación se calmase. Este venceu os celtíberos e deixou garnicións nas cidades do val, entre as que indubitabelmente estaría tamén Salduie. A calma non durou moito: xa no 141 adC o sedetano Tongino tivo que se botar ao monte e se converter nun dos primeiros bandidos da Península ibérica. Contra o ano 15 adC, fundábase a cidade romana de Zaragoza, Caesaraugusta. Coincidía coa reorganización das provincias de Hispania por César Augusto tras a súa vitoria nas Guerras Cántabras. Colonia Caesaraugusta era o nome que recibía a nova cidade, que gozaba do privilexio de ostentar o nome completo do seu fundador. Na fundación da cidade, participaron soldados veteranos das lexións IV Macedonica, VI Victrix e X Gemina, licenciados tras a dura campaña contra os cántabros, coa dupla intención de garantir a defensa do territorio e asemade fixar nel a presenza de Roma. Zaragoza contaba co título de Colonia Inmune, o que facía que gozase de determinados privilexios como o dereito a cuñar moeda ou a exención do pagamento de impostos. No proceso de reorganización de territorios hispanos, créanse tres provincias, Tarraconensis, Baetica e Lusitania, divididas de súa vez en conventos xurídicos (distritos menores con funcións xudiciais e administrativas); deles, o rexido por Caesarugusta, o Convento Xurídico Caesaraugustano, era o máis extenso dos sete nos que se dividía a provincia Tarraconense. Caesaraugusta asumiu desde un primeiro momento o papel de cabeceira rexional, substituíndo a colonia Victrix Ivlia Celsa (actual Velilla de Ebro).
O período de auxe da cidade romana (séculos I e II) trouxo moitas das grandes obras públicas que aínda hoxe podemos ver: o foro, o porto fluvial (que converteu a Caesarugusta no principal redistribuidor de mercadorías no val do Ebro), as termas públicas, o teatro, o anfiteatro, a primeira ponte da cidade (situada na localización da actual ponte de Pedra e probabelmente unha obra mixta de pedra e madeira). A auga tamén representou un importante papel na Zaragoza romana, tanto pola súa situación na ribeira do río Ebro e xunto á desembocadura do Huerva e o Gállego como polos seus complexos sistemas de abastecemento e regadío. Xunto ás xa mencionadas termas, documentáronse multitude de alxibes, fontes e diversos treitos de canos de chumbo e esgotos.
No século III, a construción dunha imponente muralla e o abandono das grandes obras públicas denotan o importante proceso de crise no mundo romano (segunda metade do século III). O comercio e a vida en Caesaraugusta non decaen e axudan ao florecemento cultural da mesma. Contr ano 380 tivo lugar o primeiro sínodo de Zaragoza, no que os bispos hispanos e de Aquitania adoptaron oito cánones relacionados máis ou menos directamente co priscilianismo, a herexía dominante naquela altura. Un segundo sínodo, no ano 592, solucionou problemas prácticos da recente conversión dos visigodos desde o arrianismo. O terceiro sínodo, no 691, resultou en cinco cánones de disciplina.
Ao longo do século V, Caesaraugusta, ao igual que todo Occidente romano, vese inmersa no proceso de desintegración do poder imperial. Desde o 714, a cidade pertence ao Califato de Córdoba e foi un posto avanzado na loita contra os reinos cristiáns do norte. A guerra civil en Córdoba, a principios do século XI, non deixou de afectar á rexión e, como no resto da España musulmá, a fin da dinastía Omeia levou para a constitución dun estado independente ou taifa cuxa capital era Zaragoza. Este reino foi un dos máis brillantes da Al-Ándalus durante case un século. Os tuibís, clientes dos omeias, continuaron sendo os donos da rexión até 1038, ano en que os Banu Hud chegaron ao poder.
A cidade foi conquistada aos musulmáns no 1118 e convertida na capital do Reino de Aragón polo rei Afonso I o Conquistador.
No ano 1591 prodúcense as Alteracións de Zaragoza. A causa das revoltas foi un dos secretarios do reino, gobernado por Filipe II, chamado Antón Pérez. Tras liortas palacianas, Filipe II ordena a detención de Pérez por un asasinato. Antón Pérez, que viviu en Nápoles, por aquel entón pertencente á Coroa Aragonesa, era coñecedor dun dereito particular dos Foros Aragoneses: o dereito de Manifestación. Este dereito era, pois, xurisdición única da xustiza de Aragón. A chegada a Zaragoza de Pérez e a súa chamada ao dereito de manifestación provocou un tumulto na Praza do Palacio de Xustiza, e naquel tumulto faleceu o Xustiza Juan de Lanuza IV (O Vello). Sucedeulle o seu fillo Juan de Lanuza V (O novo) que continuou co proceso de Perez. Desde a capital, Filipe II observaba impotente a situación, polo que tivo que recorrer á Inquisición para controlar o proceso. Así que a Inquisición prendeu a Perez e na Aljaferia. O pobo, ante o arresto, reaccionou violentamente asaltando a Aljaferia, tomando a Perez, e póndoo ao dispor do Xustiza de Aragón. O pobo viu na acción do rei unha vulneración dos seus foros e costumes que o Rei xurara cumprir ao subir ao trono. Ante a sublevación xeral de Zaragoza, Filipe II decide empregar a forza e manda un exército para ocupar a cidade. O pobo mal organizado intentoulle facer fronte, pero foi inútil. O exército de Filipe II entrou na capital no final de 1591, prendendo o Xustiza e os xefes da revolta. O desenlace foi a pena de morte para o Xustiza o 20 de decembro de 1591. Aquel día lémbrase como "o máis triste para Aragón". Nas Cortes do ano posterior en Tarazona, Aragón perdeu parte dos seus privilexios.
Durante a invasión napoleónica, a cidade de Zaragoza sufriu dous asedios coñecidos como Os Sitios de Zaragoza. A cidade era inicialmente fiel ao rei (e, por tanto, ao exercito francés debido aos pactos entre España e Francia), pero ao coñecer a abdicación de Fernando VII, sublevouse, capturando o castelo da Aljafería, apoderándose das armas que nela había e nomeando o xeneral Palafox comandante. Cando o exército francés tentou ocupar de novo Zaragoza, esta opuxo unha teimosa resistencia, ficando practicamente destruída (de 55.000 habitantes pasou a 12.000).