Vélez de la Gomera
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O penedo de Vélez de la Gomera (en español peñón de Vélez de la Gomera) é unha península (orixinalmente illa) situada no norte de África, a 126 km ao oeste de Melilla e a 117 km ao sudeste de Ceuta unida ao continente por unha estreita franxa de area. Ten unha extensión de 19.000 m2 aproximadamente e unha altitude máxima de 87 m sobre o nivel do mar. A súa única poboación é a pequena gornición militar española existente no mesmo, pertencente ao Corpo de Regulares.
Esta illa é un dos enclaves militares de España no norte de África, na costa que se estende entre Ceuta e Melilla, cuxa posesión retivo España logo da independencia de Marrocos, debido a que a súa pertenza databa de datas anteriores á existencia do reino marroquí e non estaba xa que logo suxeita ao protectorado.
En concreto esta illiña foi ocupado por primeira vez polos españois o 23 de xullo de 1508, cando unha escuadra española mandada por Pedro Navarro aniquilou o poderoso núcleo de piratas que o defendían. En 1522 Mulei Mohamed, señor do territorio no que se atopaba o penedo conseguiu apoderarse del. Finalmente, o 6 de setembro de 1564, García de Toledo, marqués de Villafranca e vicerrei de Cataluña, recupera a illa para España por orde de Filipe II. O penedo de Vélez de la Gomera mantívose ininterrompidamente baixo soberanía española dende ese momento.
En 1930 o antigo illote rochoso quedou unido a terra firme polos efectos dun sismo.