Valentín Lamas Carvajal
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1 de setembro de 1849 - 4 de setembro de 1906) foi un autor e xornalista galego.
Lamas Carvajal era fillo do ourensán José Francisco Lamas e da lucense María Manuela Carvajales. Ficou orfo de pai con dous anos e cunha nai de dezasete anos. Aliviou esta situación un tío seu, o irmán da súa nai, Pedro Carvajales, un pintor de certo nome naquela altura, e a quen Lamas lle dedicará o seu primeiro libro, La monja de San Payo (1871).
Estudou bacharelato na súa cidade natal e en 1870 trasladouse a Santiago de Compostela para cursar medicina na Universidade de Santiago de Compostela, estudos que non chegou a rematar por mor dunha afección ocular que co tempo o deixaría cego. A andaina universitaria compostelá de Lamas ficou moi patente na súa escrita e na súa visión de Galicia, xa que nesta cidade entrou en contacto coa intelectualidade galega. Sábese, por unha carta súa publicada en El Heraldo Gallego, que en 1871 dirixiu nesta cidade a revista La Aurora de Galicia e que aquí tamén publicou as súas primeiras obras, que presentan influencias románticas.
A partir do ano 1874 a súa vida estivo definitivamente vencellada á Cidade das Burgas ao casar, o 4 de xaneiro de 1874, cunha antiga compañeira de estudos, Amalia Rosina Sánchez, natural da Guarda, coa que tivo numerosa descendencia
Os seus problemas coa vista non lle impediron que fose ser o autor máis prolífico e polifacético do seu tempo. Tivo unha incesante actividade literaria e xornalística. Fundou xornais moi populares naquela altura, como El Heraldo Gallego, publicado até 1880, e o primeiro semanario escrito integramente en galego, de moito eco popular e que se publica dende 1876 até 1890, O Tío Marcos da Portela, onde publicou Catecismo do labrego en sete entregas no ano 1888, un dos libros que máis se venderon en galego, xa que tivo seis edicións no prazo de un ano dende a súa publicación en libro. Foi tamén director do xornal El Eco de Orense.
En 1887 publicou Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña, conxunto de 19 narracións, todas elas publicadas con anterioridade en O tío Marcos da Portela. No conxunto dos textos de Gallegada pódese ver a vontade populista e comprometida coa defensa dos labregos por parte de Lamas, así como a descrición de cadros de costumes imbuídos de acenos pintorescos, picarescos e cómicos.
Foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega. Morreu o 4 de setembro de 1906 en Ourense. Foi soterrado no cemiterio de San Francisco na cidade en que naceu.
[editar] Obra
- Espiñas,follas e frores (1875)
- Saudades gallegas (1880)
- Gallegada (1887)
- Catecismo do labrego (1889)
- A musa das aldeas (1890)
[editar] Bibliografía
- Rafael Adán: Gallegada e outros textos en prosa. ISBN (13): 978-84-453-3756-1 / ISBN (10): 84-453-3756-4
- VV. AA.: Actas das Xornadas sobre Lamas Carvajal, celebradas en Ourense entre os días 21 e 22 de outubro de 1999.
- VV. AA.: Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, n.º 24, 2006.[1]