Real Academia Galega
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Real Academia Galega é a institución científica que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua. Dende decembro de 2001 o seu presidente é Xosé Ramón Barreiro Fernández.
O seu lema é Colligit. Expurgat. Innovat
[editar] Historia
O precedente da Real Academia Galega foi a Comisión Xestora para a creación da Academia Galega, promovida por Emilia Pardo Bazán e Pérez Costales. Montouse sobre a base dunha sociedade presidida pola escritora, Folklore Gallego, que tamén presidiu esta.
En 1904, Manuel Murguía publicou un artigo na revista do Gran Hotel de Mondariz no que propugnaba a creación dunha academia galega. Este artigo espertou interese e en 1905 constituíuse na Habana a Sociedade Protectora da Academia Gallega, grazas ao impulso de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. En Galiza seguiron esta iniciativa algúns persoeiros que se reunían na Libraría Rexional de Uxío Carré Aldao da Coruña. A Real Academia Galega constituíuse o 30 de setembro de 1906, presidida por Manuel Murguía e con corenta membros. O acto celebrouse nos locais da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, case un ano despois da presentación legal dos seus estatutos. Os obxectivos iniciais eran fundamentalmente lingüísticos e incluían a elaboración dun dicionario e unha gramática, proxectos que demoraron moitos anos.
Durante a presidencia de Murguía (1906-1923) elevouse a figura de Rosalía, comezouse a publicar o Boletín de la Academia Gallega (263 números) e a Academia viuse no medio de polémicas e enfrontamentos debido ao seu carácter galeguista. O segundo presidente, Andrés Martínez Salazar, foino só un ano, xa que morreu inesperadamente. A entidade entrou nun período de inactividade que motivou a fundación do Seminario de Estudos Galegos. O terceiro presidente foi Eladio Rodríguez (1926-1934), e durante este período entraron Castelao e Antón Vilar Ponte. Substituíuno Manuel Lugrís Freire, que houbo de dimitir en 1936 por problemas de saúde. Chegou entón a Guerra Civil española, que fixo silenciar a institución e levala a unha etapa de semiclandestinidade durante a que foi presidida por Manuel Casás Fernández (1942-1960 e Sebastián Martínez Risco y Macías (1960-1977).
Esta etapa viviuse como un tempo de espera. En 1963 presentou a iniciativa do Día das Letras Galegas que, non moi valorada nun primeiro momento, tornouse especialmente dinamizadora co transcurso dos anos. Desde as dependencias municipais do Palacio de María Pita, trasladouse á sede actual da rúa Tabernas. No 1972 a RAG estandarizou o deseño actual das Armas ou Escudo do Reino de Galicia. Anos máis tarde, a RAG propuxo á Xunta de Galicia de conservar a memoria da antiga bandeira galega dentro da Bandeira de Galicia moderna. O resultado foi a superposición das armas ou escudo galego sobre a bandeira nacional civil, formando a actual bandeira oficial que debe figurar nos actos oficiais do goberno e institucións galegas.
Durante a presidencia de Domingo García-Sabell (1977-1997), produciuse o acordo co instituto da Lingua Galega sobre as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982), co cal se unificaban as dúas propostas enfrontadas. A Real Academia foi recoñecida como referencia na Lei de normalización lingüística. Creáronse un Seminario de Lexicografía, que elaborou o seu primeiro dicionario monolingüe, e o Seminario de Sociolingüística, que realizou o Mapa Sociolingüístico de Galicia.
Coa presidencia de Francisco Fernández del Riego (1997-2001) abriuse a institución e coa actual de Xosé Ramón Barreiro Fernández, déuselle un pulo á informatización dos fondos documentais que se foran adquirindo e en 2003 revisáronse as Normas ortográficas e morfolóxicas.
[editar] Crítica
A Comissom Lingüística da AGAL (Associaçom Galega da Língua) que defende a unidade lingüística galego-portuguesa promulgou unhas normas esencialmente comúns ás do resto das variantes do Galego-Portugués (a portuguesa e a brasileira), mantendo as características propias da variante galega.