Xaén - Jaén
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
XAÉN | |
---|---|
País | España |
Comunidade autónoma | Andalucía |
Provincia | Xaén |
Comarca | Comarca de Xaén |
Código postal | 23001 - 23009 |
Prefixo telefónico | 953 |
Alcalde
Grupo Político |
Miguel Sánchez de Alcázar
PP |
Lonxitude | -3º 47' |
Latitude | 37º 46' |
Altitude | 573 m |
Superficie | 422 km² |
Censo | 116.540 habitantes |
Densidade | 274 hab/km² |
Xaén é a capital da provincia de Xaén, situada ao sur de España e no nordeste da Comunidade Autónoma de Andalucía. Ten unha poboación de 116.540 habitantes (2005, fonte INE), o que supón aproximadamente unha sexta parte da poboación de toda a provincia. Baixo o lema de Capital Mundial do Aceite de Oliva, a actividade económica da cidade, no entanto, está baseada no sector servizos, a administración, a industria agrícola, a construción e un incipiente turismo cultural.
Índice |
[editar] Historia
As orixes de Xaén remóntanse á etapa calcolítica, destacando o filón de Marroquís Baixos, unha macroaldea organizada en círculos concéntricos, cun sistema de valados e foxos de auga en cada un dos círculos, e unha superficie que oscila entre as 30 hectáreas seguras e as 100 probables.
Durante a etapa protohistórica destaca o oppidum ibérico de Ponte Táboas, desmantelado polos romanos debido ao seu apoio a Cartago durante a Segunda Guerra Púnica. Outro núcleo ibérico estableceuse na aba do Cerro de Santa Catalina, dando lugar máis adiante ao núcleo romano de Aurgi.
Trala etapa romana e visigoda, Aurgi pasou a ser sometida durante a invasión árabe, durante a cal recibiu o nome de Yayyan, "cruzamento de caravanas". A vitoria dos cristiáns na Batalla das Navas de Tolosa (1212) supuxo a apertura do val do Guadalquivir para os exércitos cristiáns. Desta forma, a cidade foi reconquistada polo Reino de Castela baixo o reinado de Fernando III o Santo, no ano 1246, co nome de Iahen, que daría lugar ao topónimo actual.
[editar] Cultura
Dentro do patrimonio histórico da cidade sobresaen a Catedral de Xaén , baixo a advocación da nosa Señora da Asunción, (onde se conserva o Santo Rostro), o Castelo de Santa Catalina, o Pazo de Villardompardo cos Baños Árabes e o Museo Internacional de Arte Naïf, a Capela de San Andrés ou o Museo Provincial de Xaén, cunha importante colección de restos arqueolóxicos íberos, como os importantes conxuntos escultóricos procedentes de Cerrillo Branco (Porcuna) ou do santuario heroico de O Pajarillo (Huelma). Na zona de expansión Norte da cidade sitúase o amentado asentamento calcolítico de Marroquís Baixos.
Dentro do mesmo municipio e a escasos minutos da capital, merece igual mención o conxunto arqueolóxico de Otíñar en plena Serra de Xaén, no cal destacan unha vintena de abrigos con pinturas rupestres, un dolmen e muralla da Idade do Bronce, unha fortaleza medieval e unha aldea do século XIX hoxe abandonada, a de Santa Cristina.
[editar] Festas
En outubro celébrase a Feira de San Lucas, cuxo día grande é o 18 de outubro. Esta feira adoita ter unha gran actividade, sendo costume as corridas taurinas, concertos de artistas de fama nacional, así como acudir ao recinto de A Vestida para montar nas atraccións ou bailar nas casetas. Ao ser unha das últimas feiras do ano en España, a afluencia de xente doutros municipios e das provincias limítrofes é bastante notable, malia ter fama de ser unha feira que atrae ás primeiras choivas do outono.
O 25 de novembro celébrase o día de Santa Catalina, patroa da cidade xunto a San Eufrasio, cunha romaría ás abas do castelo.
A véspera do 17 de xaneiro celébranse fogueiras en honor a San Antón, nas cales á parte para comer e bailar, cántanse melenchóns. Esa mesma noite celébrase a Carreira Urbana de San Antón, de fama internacional, na cal os corredores participan animados por tódolos xienenses, que portan fachos, especialmente no tramo final, á súa chegada á Avenida de Andalucía.
A Semana Santa de Xaén é unha das máis atractivas de Andalucía, con procesións tan recoñecidas como a de O noso Pai Xesús Nazareno, máis coñecida como A noite do Avó.
Durante o mes de maio, e con carácter bianual, na institución feiral, celébrase Expoliva, a Feira Internacional do Aceite de Oliva e Industrias Afines, referente a nivel mundial.
No mes de xuño teñen lugar as festas en honor á Virxe da Capela, co-patroa da cidade. Amais de concertos e festexos taurinos, un gran atractivo destas festas é a celebración do concurso nacional Lagarto Rock.
[editar] Lendas
Xaén é unha cidade referida en gran número de lendas. Sen ningunha dúbida, a máis coñecida é a lenda do Lagarto da Madalena (máis coñecido fóra da provincia como o lagarto de Xaén), un animal que atemorizaba aos pastores a finais do século XV comendo as súas ovellas.
Sobre o Castelo de Santa Catalina tamén versan varias lendas, a maioría relacionadas con pantasmas. Quizabes a máis coñecida delas sexa a da amante do Condestable Iranzo, en cuxa habitación seguen escoitando ruídos e queixumes, e que se di que se interpón cando alguén intenta retratar ao seu amado.
A catedral tamén posúe varias lendas. Unha das máis famosas fala dun neno duns seis ou sete anos, con roupa de fai medio século, que aparece brincando nos instantes previos á pechadura do templo. Personaxes notables como o ex-bispo de Xaén, Santiago García Aracil, afirman ter visto este neno.
Con respecto á Virxe da Capela e a Igrexa de San Ildefonso tamén existen lendas, algunhas relacionadas coa anterior do lagarto, cuxa pel supostamente foi exposta en dita igrexa.