Andrés de Prada e Gómez de Santalla
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Andrés de Prada e Gómez de Santalla (ca. 1545-1611), político, foi Secretario dos reis españois Filipe II e Filipe III.
[editar] Biografía
Andrés de Prada e Gómez de Santalla naceu arredor de 1545 en Outarelo, aldea pertencente na actualidade ao concello de O Barco de Valdeorras, (Ourense). Morreu en Madrid o día 13 de xuño de 1611. Andrés de Prada foi Secretario do rei Filipe II desde 1586 ata a morte do monarca en 1598.
Comezou a súa carreira na Corte real en 1568, ao servizo do príncipe Juan de Austria, bastardo de Carlos I de España, con quen participaría en accións diversas en Flandres, nas guerras contra os mouriscos na Alpujarra, 1569-1571, e mais na batalla de Lepanto, 1571. Cando morre o príncpe en 1578, Andrés de Prada era xa o seu secretario. En 1584 o marqués de Villafranca nomeouno gobernador dos seus estados. Mais á morte de Juan Escobedo, o rei Filipe II chamouno para que se ocupase dunha das Secretarías de Guerra, con xurisdicción sobre España e o Norte de África. Ao mesmo tempo o rei faino Secretario persoal. Por cada cargo de Prada pasa a cobrar un soldo de 100.000 maravedís.
En 1600 o novo monarca Filipe III nomeao Secretario do Consello de Estado para Francia, Flandres e Alemaña, cargo no que foi cesado en 1610, para pasar a ocupar a Secretaría de Estado para Italia, á par que conservaba a Secretaría de Guerra que levaba desde a época do Rei Prudente.
Foi nomeado Cabaleiro de Santiago, e Comendador da vila de Ocaña, Toledo, pero sen dereito a sucesión. Ademais obtería o dereito a crear un morgadío na súa localidade natal de Outarelo, que herdaría, por falta de descendencia propia, o seu sobriño Diego de Prada e González, convertendose no segundo Señor da Casa de Outarelo.
[editar] Ver tamén
[editar] Fontes
- García Tato, Isidro, Vilanova, Outarelo y San Francisco Blanco. Monografía histórica de una parroquia gallega. O Barco de Valdeorras. 1999 - ISBN 84 930834 2 9
- Fernández Fernández, Ángel, Don Andrés de Prada, Señor de la Casa de Outarelo y Secretario de los reyes Felipe II y Felipe III, in Cuadernos del Instituto de Estudios Valdeorreses, Monográfico nº 33, 2001, páxs. 105 - 139.