Anshan (Persia)
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Anshan, Anzan ou Anšan é a antiga capital do reino elamita durante os seus períodos alto e medio, e despois a primeira capital dos reis persas aqueménidas. Corresponde ao actual xacemento de Tell-e Malyân, que se atopa en Irán, na provincia de Fars, preto da cidade de Shiraz.
Anshan está ocupada desde o VI milenio antes da nosa era. No período proto-elamita (finais do IV milenio antes da nosa era) convértese nunha das principais aglomeracións do país elamita, grazas á súa situación nas rutas comerciais de primeira importancia. Entre -2400 e -2000, os reis de Anshan están á cabeza de reinos poderosos, e enfróntanse ao expansionismo dos mesopotamios (reis de Akkad e de Ur). Os soberanos do reino de Simashki dominan o reino elamita no século –XXI, e fan de Anshân unha das cidades principais de Elam. Baixo as dinastías seguintes, as dos sukkalmah, Anshân convértese con Susa unha das dúas capitais de Elam. Este reino toma daquela o seu carácter dual, entre o País Alto elamita, arredor de Anshân, e a Susiana fortemente influenciada pola tradición mesopotámica. Pero o primeiro garda a primacía, como o proban os títulos dos soberanos do período medio-elamita (-1500 – -1100), que se denominan «reis de Anšan e de Susa».
Con todo, Anshân non terá nunca a importancia de Susa, e ficará como cidade de talla media, pouco ornada polos soberanos elamitas, e por iso as escavacións de Tell-e Malyân non foron ocasión de grandes descubrimentos, malia os medios investidos. Isto explícase polo carácter esencialmente nómade do País Alto elamita, onde os lugares de culto principais do gran deus elamita Napirisha son santuarios rupestres (como Izeh/Malamir e Kurangun), e onde a poboación fica maioritariamente nómade. Os edificios máis importantes sacados á luz pertencen ao período proto-elamita (dous grandes edificios, un administrativo e outro artesanal, con restos de frescos murais con motivos xeométricos e taboíñas proto-elamitas), e o fin do período medio-elamita (un gran edificio construído por Hutelutush-Inshushinak, onde se atoparon taboíñas administrativas en elamita).
No primeiro milenio antes da nosa era, a rexión de Anzan (novo nome de Anshân) pasa ás mans dos persas. Os seus soberanos retoman para eles o título de «reis de Anšan», como testemuña un selo co nome de Ciro I. O seu ilustre sucesor Ciro II, fundador do Imperio aqueménida, fixo o mesmo. Pero a cidade veuse pronto relegada a un segundo plano coa construción das novas capitais persas nos séculos -VI e -V, Pasargadas e logo Persépolis, a menos que os títulos adoptados fosen máis nominais (unha maneira de se poñer en relación coa tradición local elamita) que efectivos. A cidade é abandonada de todos modos durante este período.
[editar] Ligazón externa
http://home.columbus.rr.com/malyan/: páxina do equipo arqueolóxico americano que escavou Tell-e Malyan nos anos 70.
Categorías: Persia | Elam | Historia | Arqueoloxía