Arbëreshë
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O arbëreshë é unha variedade lingüística da lingua albanesa, que pertence ao dialecto tosco e que fala o pobo arbëreshë no sur de Italia, que emigrou dende Albania. Tamén se pode clasificar como unha lingua independente por razóns sociolingüísticas.
Índice |
[editar] Falantes e distribución xeográfica
O arberëshë está presente en 55 concellos do sur de Italia, deles 33 en Cosenza (Calabria), habitados por 122.000 persoas, delas arredor do 70% teñen como lingua materna o arberëshë, aproximadamente uns 100.000 falantes, contando aos que viven fóra dos concellos albanofalantes.
- Calabria: 60.000
- Sicilia: 15.000
- Molise¨: 14.000.
Fóra das vilas arbereshe hai falantes en Milán, Turín, Roma, Nápoles, Bari, Cosenza, Crotone e Palermo fóra de Italia en Suíza, Alemaña, Estados Unidos, Canadá, Arxentina e Brasil, formadas durante a emigración masiva aos centros industriais entre 1950 e 1970, no que se calcula que as vilas albanesas perderon un 20% da poboación neses anos.
Hai outros 40 concellos no que aínda que a poboación é de orixe albanés, a lingua perdeuse hai varias xeracións, neste concellos viven 182.000 persoas.
[editar] Situación legal
O arbëreshë é unha das 12 linguas recoñecidas e protexidas pola lei nacional 482/1999 de recoñecemento das minorías.
A nivel rexional o albanés goza dalgún recoñecemento nos estatutos de autonomía de Calabria, Basilicata e Molise e nalgunhas comunas as autoridades locais apoian actividades lingüísticas e teñen sinalamentos bilingües.
[editar] Medios de comunicación
Aínda que durante a segunda metade do século XIX se crearon numerosos xornais e revistas en albanés, e mesmo o primeiro xornal en albanés editouse en Italia, as publicacións albanesas en Italia, na actualidade, teñen un carácter moi local, producidas dun xeito artesanal, con escasa profesionalización e medios e unhas poucas reciben un pequeno subsidido das autoridades locais de Calabria.
- Katundi Ynë (O Noso País ) Órgano do Circolo Culturale "G. Placco" de Civita. Trimestral. É a publicación máis difundida entre os arbëreshë. Fundouse en 1970 e a súa tiraxe é de 3500 exemplares, pero só un 25% do seu contido está en arbëreshë.
- Riljndia Jug aparecen algúns artigos en arbëreshë e en
- La Provincia Cosentina: publícase os venres un artigo semanal bilingüe arberesh-italiano dende o 16 de abril de 2004.
- La Gazzetta di Mezzogiorno publica un suplemento, a metade en albanés destinado aos lectores de Albania dando información sobre os arbëreshë.
As emisoras locais privadas Radio Libera Skanderbeg e Radio Shpresa Europa 1 emiten algúns programas con apoio esporádico de autoridades locais.
Hai grupos de música tradicional como Moti i Parë de Lungro, grupos de rock como Spasulati Band de Santa Sofia d'Epiro, cantantes pop como Pino Cacozza, e existe un un festival anual da canción arbëreshe (Festivali i Këngës Arbëreshe).
[editar] Ensino
Hai ensino voluntario de arbereshe en 17 centros de primaria, no Instituto de San Demetrio Corone (CS) e nas Universidades de Calabria, Nápoles, Bari, Palermo e La Sapienza de Roma.
[editar] Literatura
A literatura albanesa en Italia comeza con Luca di Matranga (1567-1619), autor das primeiras poesías relixiosas en albanés (1592). A obra literaria máis antiga é á súa obra Gjella e Shën Merise (A vida da Virxe María, 1762) de Jul Variboba, que é a obra máis orixinal da literatura albanesa antiga. A literatura arbëreshë forma parte da literatura albanesa, boa parte dos autores anteriores ao século XX procedían da diáspora, en especial de Italia e polo tanto a fala arbëreshë tivo un papel sobranceiro como fonte de arrequecimento lexical da lingua literaria albanesa. No Colexio Grego de Roma e nos dous colexios destinados á formación dos cregos albaneses, un en Calabria e outro en Sicilia, formáronse todos os intelectuais albaneses do século XVIII, e durante todo o período os escritores e poetas mantiveron como fonte de inspiración o motivo relixioso popular.
Girolamo De Rada (1814-1903), considérase o iniciador da literatura albanesa moderna, coa súa obra Os cantos de Milosao, publicado no 1836, que é o gran poema do romantismo en albanés. Skanderbeku i pafan é a súa outra grande obra, os motivos presentes no seu traballo son o renacemento do pobo albanés e a independencia da Patria Nai, Albania, arriquecidos polo interese polo estudo da lingua albanesa e pola conservación da tradición popular. Baixo a guía de De Rada constitúese un grupo de intelectuais italo-albaneses que buscan reforzar a identidade arbëreshë e súa relación con Albania, Vincenzo Dorsa, Giuseppe Serembe, Angelo Basile e Gabriele Dara son os principais autores. O siciliano Giuseppe Schirò (1865-1927), participa tamén activamente no rexurdimento albanés. Na primeira metade do século XX prodúcese a decadencia da literatura en albanés, tan só coa fin da Segunda Guerra Mundial actívase, sobre todo dende os anos 60, con autores como Giuseppe Shirò di Maggio, Giuseppe Schirò di Modica, Giuseppe Del Gaudio, Enza Scutari, Luis De Rosa, Angelo Matrangolo, Pasquale Renda ou Dushko Vetmo
[editar] Historia
Aínda que xa algúns grupos de albaneses chegaran ao sur de Italia entre os séculos XIII e XV vai ser tras a invasión otomana de Albania e durante tres séculos entre 1468 ata 1744 cando a migración albanesa funda comunidades propias en Apulia, Calabria, Sicilia e Campania sobre todo.