Arquivo do Reino de Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Arquivo do Reino de Galicia é un arquivo de cuxa titularidade pertence ao Ministerio de Cultura e cuxa xestión está cedida á Xunta de Galicia desde 1989. Atópase na Cidade Vella da Coruña.
Exerce funcións de Arquivo Histórico Xeral de Galicia e de Arquivo Histórico Provincial da Coruña, polo que custodia a documentación de ámbito galego ou provincial que producen as administracións locais, autonómicas e estatais.
As súas orixes datan da Real Cédula emitida por Carlos I de Castela o 3 de febreiro de 1529 e dunha Real Provisión do mesmo monarca e a súa nai, a raíña Xoana I de Castela do 1 de marzo de 1543, cando se ordenou a salvagarda e custodia dos procedimentos da Real Audiencia de Galicia, un organismo creado polos Reis Católicos mediante diversas disposicións a partir de 1480. O seu inicio formal data da Real Cédula de Carlos III emitida o 22 de outubro de 1775, cando se crea o Arquivo, asignándolle tamén persoal e unhas normas de funcionamento. A súa sede orixinal era o Palacio da Real Audiencia, un edificio que actualmente alberga a Capitanía Xeral, onde permaneceu até o seu traslado en 1936 aos sótaos do Palacio de Xustiza. Finalmente, en 1956 foi trasladado ao seu actual emprazamento, xunto ao Xardín de San Carlos. O proxecto foi concebido por Antonio Tenreiro e inaugurado en 1955.
O núcleo dos fondos do Arquivo provén dos procedimentos da Real Audiencia de Galicia. Porén, desde mediados do século XIX foi adquirindo fondos de orixe diversa, até chegar a máis de 250. O Arquivo alberga fondos qu se remontan, no caso de diversos diplomas en pergamiño, ao século IX.