Constante II
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
.
Constante II (7 de novembro de 630 – 15 de setembro de 668 en Siracusa), fillo de Constantino III Heraclio e neto de Heraclio, foi emperador bizantino de 641 ata 668.
Adoita considerarse o reinado de Constante II como a transición definitiva entre a Antigüidade Tardía e a Idade Media no ámbito bizantino; así como un dos períodos da historia bizantina no que o Imperio tocou fondo, vendo como as súas fronteiras retrocedían en todas as frontes.
Constante II accedeu en 641 ao trono tras un breve e turbulento período de loitas familiares polo poder no seo da familia Heráclida. O seu pai Constantino III e o seu tío Heraclonas reinaran durante un breve período de tempo trala morte do seu avó Heraclio. As disputas e intrigas entre as dúas pólas da familia complicáronse trala morte de Constantino III en estrañas circunstancias e o posterior derrocamento de Heraclonas e da súa nai, acusados de asasinar a Constantino III. Constante II accedeu ao trono con apenas 11 anos de idade. No ámbito exterior o Imperio Bizantino estaba soportando o ataque do Califato árabe que arrebatara nuns poucos anos as provincias de Siria, Palestina e Mesopotamia e ameazaban Exipto.
Durante os primeiros anos do reinado de Constante II, parece ser que o poder estivo en mans do Senado, que tivo por última vez na súa historia poder político real; está fase finalizou cara a 648 cando o emperador alcanzou a maioría de idade. Constante II empregouse a fondo en defensa dun ameazado Imperio que podía sucumbir a mans das hostes árabes. Os árabes fixéronse con Exipto entre 641 e 642, durante os tumultuosos anos que seguiron á morte de Heraclio e ás loitas polo trono bizantino entre os seus fillos.
Durante os primeiros anos do reinado de Constante II os musulmáns árabes aseguraron as súas conquistas de Armenia e Exipto e construíron unha flota naval para enfrontárense aos bizantinos. A partir de 649 os árabes comezaron a atacar as illas bizantinas do Mediterráneo facéndose co control de Chipre. En 655 a flota bizantina, mandada persoalmente por Constante II, foi derrotada pola recentemente creada forza naval árabe na batalla de Finike, que acabou co mito da invulnerabilidade da flota bizantina. Con todo, a ofensiva musulmá detívose á morte do califa Utmán en 656, que abriu un período de guerra civil no seo do Califato.
Estabilizada a súa fronteira oriental, Constante II volveu a súa mirada a occidente, no ano 658 levou a cabo unha expedición militar contra as tribos eslavas que trataban de infiltrarse na Península dos Balcáns e aos que derrotou no río Danubio. Esta vitoria permitiulle ralentizar a infiltración eslava no territorio balcánico.
En política relixiosa Constante II entrou en conflito directo co Papado. O seu avó Heraclio impuxera a doutrina do monotelismo, como unha forma de compromiso entre o monofisismo e a ortodoxia cristiá. Con todo, o monotelismo causara un rexeitamento frontal en Occidente onde dominaba a ortodoxia encabezada polo Papa. O emperador mantivo a vixencia da doutrina monotelista e para poñer fin ás discusións sobre o asunto promulgou en 648 o Edicto de Typos, que prohibía calquera tipo de discusión sobre a natureza de Cristo. A promulgación do edicto causou dúas rebelións nas provincias bizantinas de África e de Italia, que foron reprimidas polo emperador. A última delas contou con apoio directo do Papa Martiño.
Entre 661 e 662 o emperador trasladouse a Italia. Existen varias especulacións sobre as razóns últimas deste traslado. Parece ser que o emperador quería reorientar o centro do seu imperio ás provincias occidentais do mesmo ante a ameaza musulmá. Outros consideran que se converteu nun emperador con demasiados inimigos en Constantinopla e que buscaba afastarse deles. Constante II converteuse no primeiro emperador que visitaba Roma desde había moitos anos. En Italia, Constante II enfrontouse aos longobardos que dominaban o norte da península. Volveu ser derrotado por eles, así que abandonou a península e estableceuse en Siracusa, Sicilia, onde trasladou a capital do Imperio; unha decisión que resultou ser tremendamente impopular.
Para tratar de evitar problemas sucesorios, asasinou ao seu irmán Teodosio e nomeou aos seus fillos Constantino, Heraclio e Tiberio coemperadores. O 15 de setembro do ano 668 foi asasinado en Siracusa por un servente mentres estaba no baño. Sucedeuno o seu fillo Constantino, que trasladou de novo a capital do Imperio a Constantinopla.
Algúns autores suxiren que a reorganización administrativa do Imperio Bizantino en distritos militares denominados themas se produciu durante o reinado de Constante II e non no do seu avó Heraclio, ao que se lle adxudicaba tradicionalmente a realización de devandita reforma. Este asunto é tema de discusión especializada entre os historiadores.
Imperio Bizantino | ||
---|---|---|
Segue a: Heraclonas |
Constante II (641-668) |
Precede a: Constantino IV |
Dinastía dos Heráclidas |