Ecbatana
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ecbatana (ou Echbatana) foi a capital do imperio dos medos, capital de verán dos persas aqueménidas, e sede da satrapía de Media durante o período Aqueménida, Parto e sasánida.
Esta situada nos montes Zagros, e preto dos montes Mosaalla, Tell Hagmatana e sang-e-sar e do río Alushjerd.
Antigamente chamábase Hamgmatana (elamita Agmadana, acadio Agamatanu) que querería dicir "lugar de reunión" (o elamita "terra de medos" sería Halmatana). Os gregos chamárona Ekbatana ou Agbatana e os romanos Ecbatana. Na Biblia menciónase co nome arameo Ahameta. En armenio era Ahamatan ou Hamatan e tamén Ekbatan.
Segundo Heródoto, Ecbatana foi capital dos medos desde aproximadamente o -750. Deioces foi escollido rei nesta cidade. A cidade foi capturada por Ciro II, que derrotou a Astiaxes sobre o -549 e levouse os tesouros a Anshan. A cidade foi declarada capital de verán da dinastía e tiña probabelmente o arquivo real. Plinio di que a cidade era gobernada polos magi (magos = sacerdotes). Darío I fíxose forte en Ecbatana durante a revolta do pretendente medo Fravartes ou Fraortes e, cando foi capturado, foi levado á cidade e foi mutilado e executado (-521). Artaxerxes II erixiu unha estatua de Anahita ou Anauhed na cidade, pero tamén noutras grandes cidades do imperio. O palacio real é descrito por Polibio.
Alexandre o grande entrou en Persia o -331 e visitou Ecbatana por dúas veces: a primeira o -330 cando marchou desde Persépolis en persecución de Darío III ata Ecbatana, onde capturou o tesouro real; o seu lugartenente Parmenio quedou na cidade para supervisar as comunicacións, pero foi pronto asasinado por orde de Alexandre; o tesouro ficou na cidade. A segunda vez foi o -334 e naquela ocasión morreu nela o seu íntimo amigo Hefestión. As murallas da cidadela serían demolidas (a cidade non tiña murallas exteriores).
O -328 Alexandre substituíu a Oxidates, sátrapa de Media, por Atropates, xeneral e probabelmente gobernador tamén de Media. O -320 na reunión de Triparadiso, Ecbatana e a Media do sur foi doada ao xeneral Peitón. Un tempo despois Peitón foi executado por Antígono e substituído por Orontobates, que era iraniano (sobre -316) pero tal vez a sede da satrapía se trasladara a Asadabad, ao oeste do Halvand (Alvand).
O -305 a cidade foi dominada por Seleuco I Nicátor que a conservou despois do -301. Antíoco IV Epifanio (-175--164) cambioulle o nome a Epifania. Sobre esta época foi nomeado sátrapa Timarco de Mileto, quen se rebelou contra Demetrio I (-161--150) e emitiu moeda na cidade. Tamén Demetrio I e Alexandre Balas (-150--148) emitiron moeda nela.
O -149 ou -148 era sátrapa o grego Cleomenes. Despois desta data, entre -147 e 140 os partos ocuparon a rexión. Os partos mantiveron Ecbatana como capital de verán. O -130 a contraofensiva de Antíoco VII parouse en Ecbatana. Desde o -87 a rexión quedou aberta á influencia de Armenia, a cal durou ata o -69.
O 226 foi ocupada polos sasánidas xunto con toda a Media e a Atropatene. Parece que foi utilizada como capital de verán, pero faltan as evidencies.
O 642 foi ocupada polos musulmáns e desde entón recibe o nome de Hamadán.