Francisco Taxes
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Francisco Taxes Prego (A Coruña, 1940 - 2003) foi un dramaturgo galego do nomeado Grupo de Ribadavia.
A comezos dos anos setenta fundou -e participou nas súas anovadoras iniciativas- xunto con outros escritores e artistas (Xavier Seoane, Manuel Rivas, Alberto Carpo, Xaime Cabanas, Correa Corredoira...), os colectivos coruñeses de arte experimental A Carón e Galga.
En 1975, nas III Xornadas do Cine en Ourense, o Tribunal de Orden Público requisou a curta dirixida por Miguel Gato e baseada nun conto homónimo de Taxes, A tola, converténdoa dese xeito nun "mito iniciático" do cinema galego. Un ano máis tarde, a curtametraxe O cadaleito, dirixida por Enrique Baixeras e con guión de Taxes a partir dun relato de Ánxel Fole ("A caixa do morto"), acadou un grande éxito de crítica e público dentro e fóra das nosas fronteiras; a cinta viaxou a Italia (festival de Pessaro) e atinxiu o Premio Mikeldi de Plata no "XVIII Certamen Internacional de Cine Documental y Cortometrajes de Bilbao" (1977).
En 1978, coa exitosa montaxe de O velorio (escrita en 1971), o grupo de teatro profesional Troula, do que Taxes foi cofundador, abriu un novo camiño para o teatro galego, o da profesionalización.
Colaborou en revistas (Man Común, Teima, Luzes de Galiza... ) e xornais (A Nosa Terra, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, etc.).
Traballou en radio (cómpre sinalar a dirección e presentación do programa cultural O Láparo Cavileiro para Radio Catro/R.N.E.) e televisión (por exemplo o magazine da TVG Bazar Fin de Semana).
No eido da narrativa cultivou maiormente o relato curto; o seu conto “O Choniño” gañaba en 1973 o primeiro premio no concurso de literatura infantil de “O Facho”.
Anque un pouco afastado do panorama cultural dende comezos dos noventa, en 1997 escribiu a súa derradeira peza dramática de xénero cómico, Elas, que agarda aínda a súa quenda entre bambolinas.
ESCRITA TEATRAL:
- 1971 O velorio
- 1979 Lenta raigame
- 1980 Casta i Albito
- 1985 Caderno de bitácora. Comedia estupenda
- 1997 Elas
OBRA TEATRAL PUBLICADA:
- 1982, Lenta raigame, O Castro, Sada.
- 2002, O velorio, La Voz-Xerais (Bibl. Galega 120), A Coruña.
- 2003, Daquel abrente (textos da representación do C.D.G. de O velorio de Taxes e Laudamuco, señor de ningures de R. Vidal Bolaño), IGAEM-Xunta, Santiago.
- 2004, Casta i Albito, Biblos, A Coruña.
OBRA TEATRAL INÉDITA:
- Caderno de bitácora. Comedia estupenda
- Elas
En preparación, para a Biblioteca Das Letras Galegas de Edicións Xerais, o título “Obra dramática de Francisco Taxes”, volume que incluirá, xunto coas pezas xa publicadas,estas últimas
REPRESENTACIÓNS:
- 1978 "O velorio" por Troula; dirección Antonio Simón.
- 1979 "Lenta raigame" por Andrómena; dirección Eduardo Alonso.
- 1985 "Caderno de bitácora" polo CDG; dirección Antonio Simón.
- 2003 "O velorio" polo CDG; dirección Antonio Simón.
- 2004 "Cadta i Albito", no marco dun acto de lembranza artellado por Biblos Clube de Lectores no primeiro cabodano do seu pasamento; dirección Ánxela G. Abalo.