Gaita das Highlands
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A gaita das Highlands ou Terras Altas escocesas, tamén chamada gaita escocesa, é un dos tipos de gaita máis coñecidos. Alén da fama, está entre as gaitas tradicionais máis potentes, senón a de potencia sonora maior.
Consiste nun fol, un punteiro, un soprete, dous bordóns tenores e outro baixo. A escala do punteiro está aproximadamente en modo mixolídio cun rango desde un grao máis baixo que a tónica até unha oitava por riba dela (Sol baixo, La baixo, Si, Do#, Re, Mi, Fa#, Sol alto e La alto; os gaiteiros tratan a gaita como un instrumento transpositor e omiten os sostidos). Os dous bordóns tenores son unha oitava máis baixos que a tónica (La baixo) do punteiro e o bordón baixo está dúas oitavas máis abaixo. Realmente, este "La" da gaita das Highlands é en realidade un pouco máis sostido que Si bemol (arredor de 480 Hz), e parece que se fai cada vez máis sostido entre as bandas de competición. Na última década, a gaita viu a aparición de novos materiais, como palletas e bolsas sintéticas, que se comportan mellor coa humidade que os materiais tradicionais.
[editar] Terminoloxía
Apesar de ser extremamente popular, o termo gaita escocesa é considerado, ao mínimo, impreciso. Hai na Escocia innúmeras outras gaitas para alén da gaita das Highlands, como a smallpipe escocesa, a gaita das Bordas, a shuttle pipe e a parlour pipe, para alén doutras smallpipes.
[editar] Orixe
Pode ser que os romanos introducisen as gaitas nas Illas Británicas ou que estas xa fosen usadas por outros pobos do seu contorno e estivesen xa presentes nas Illas. A mediados do século XVI en Escocia utilizábase unha gaita semellante á das Terras Altas que contaba cun único bordón tenor. Parece ser que a configuración actual (un bordón baixo e dous tenores) apareceu en Irlanda, onde se coñece como gaita de guerra, e que foi traída entón e se adoptou, especialmente nas Terras Altas.
A gaita das Highlandas conservou a súa popularidade a partir do período barroco, e non decaíu como lles sucedeu a outras gaitas, en boa parte porque foi incorporada como instrumento militar polos propios reximentos ingleses xa a partir do século XVII. O movemento romántico, coas súas pretensión de retomar un pasado tradicional e idílico ao modo burgués, encontrou un forte apelo na cultura escocesa. Coa creación do Imperio Británico, o instrumento diseminouse polo planeta, até atoparse hoxe en día en rexións sorprendentes, como por exemplo o Oriente Medio e o Caribe, en antigas colonias británicas. Após as duas guerras mundiais, eventos nos que se utilizaran pola última vez os gaiteiros no fronte de batalla da forma "clásica", sentiuse a necessidade de atrair os xoves para a formación de novos gaiteiros. Así, formalizáronse as bandas reximentais (pipe bands) e iniciáronse os primeiros campeonatos oficiais entre bandas, todo sob a éxida de estatutos controlados por un consello oficial.
En Galiza utilízase unha gaita moi semellante, tamén afinada en Si bemol, que se chama gaita de banda ou gaita marcial e cuxos bordóns tamén se botan por riba do ombreiro. Moitos gaiteiros "tradicionais" critican tanto a existencia desta gaita como de bandas de gaitas e a súa música.