Giuseppe Fanelli
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Giuseppe Fanelli (1826-1877), anarquista italiano veu a España en 1868, enviado por Mikhail Bakunin, para difundir as ideas da Asociación Internacional dos Traballadores (AIT) e da Alianza da Democracia Socialista, con intención de recrutar membros para a IªInternacional.
[editar] Biografía
Giuseppe Fanelli nacera en Nápoles, Italia. Combateu a prol da República romana (1848-1849). Enrolado con Giuseppe Garibaldi participou na Expedición dos Mil (1860) a fin de sublevar Sicilia contra a monarquía borbónica. Entre 1862 e 1863 participou no levantamento de Polonia contra o Imperio zarista. Volto a Italia, combatiría en 1866 contra os austríacos, que retiñan aínda parte do Norte italiano. Paulatinamente iría desligándose de Giuseppe Mazzini, achegándose aos ideais socialistas. Incorporado á AIT, sería fundador, con Bakunin da Alianza da Democracia Socialista (1868). Obtivo acta de deputado no parlamento italiano para gozar da inmunidade que correspondían aos deputados.
[editar] Fanelli en España
A finais de 1868 chegou a Madrid, enviado por Bakunin, para difundir o ideario da IªInternacional. O 24 de xaneiro de 1869, organizou unha reunión, no domicilio madrileño de José Rubau Donadeu, á que concorreron varios traballadores, aos que Fanelli explicou o programa da AIT. e que formaron o primeiro núcleo internacionalista en España. Fanelli mostrou tamén as bases da Alianza da Democracia Socialista, logrando que se crease a primeira sección española desa organización.
Desde Madrid, Fanelli continuou para Barcelona. Na correspondente reunión en casa de José Luis Pellicer, expuxo os programas da AIT e da Alianza da Democracia. O 2 de maio de 1869, quedou constituída a sección barcelonesa da AIT, que publicaría xa un xornal La Federación o 1 de agosto de 1869, dirixido por Rafael Farga Pellicer.