Jürgen Habermas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Jürgen Habermas ( Düsseldorf, Alemaña 1929 ) é un pensador e filósofo alemán. Naceu un 18 de xuño de 1929 en Düsseldorf. Estudou filosofía, psicoloxía, literatura alemá e economía na Universidade de Gotinga, en Zúric e en Bonn. Nesta última universidade doutorouse, e a súa tese versou sobre Friedrich Schelling. De 1956 a 1959 foi axudante e colaborador de Theodor Adorno no Instituto de Socioloxía de Fráncfort do Main.
No ano 1961 defendeu a súa habilitación, centrada no concepto do público (öffentlichkeit). De 1964 a 1971 exerceu como profesor na Universidade de Fráncfort, e converteuse nun dos principais representantes da Teoría Crítica. Entre 1971 e 1983 pasou a ser director do Instituto Max Planck para a "investigación das condicións de vida do mundo técnico-científico".
Xa en 2001 obtivo o Premio da Paz que conceden os libreiros alemáns, e en 2003 recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais.
[editar] Pensamento
Se ben a súa obra e pensamento se basean na Teoría Crítica da Escola de Fráncfort, Habermas evidencia profundas diverxencias cos seus mestres e predecesores. O seu traballo enfócase nas bases da teoría social e da epistemoloxía, na análise da sociedade industrial e capitalista. Outros temas importantes nas súas análises son a democracia e a primacía da lei nun contexto crítico social evolutivo arredado na política contemporánea, especialmente na Alemaña actual.
Na súa tese Historia e crítica da opinión pública (tamén coñecido como Transformación Estrutural da Publicidade) dálle solideza ao concepto opinión pública e recupera a visión eminentemente democrática do mesmo coa súa distinción entre opinión publica manipulada e opinión pública crítica.