Joaquín Jovellar Soler
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Joaquín Jovellar Soler ou Jover (Palma de Mallorca, 1819 - Madrid, 1892), militar, presidente do goberno de España en 1875, capitán xeneral de Cuba (1872-1874; 1876-1878) e capitán xeneral de Filipinas (1883-1885).
Comezou a súa carreira militar durante a Primeira Guerra Carlista. Durante case toda a década dos anos 1840 estivo destinado en Cuba. En 1859 foi secretario de campaña do xeneral Leopoldo O'Donnell na guerra de Marrocos, participando nalgunhas operacións militares, entre elas na batalla de Wad-Ras, onde foi ferido o 23 de marzo de 1860. En 1863 foi ascendido a brigadeiro, sendo no ano seguinte nomeado subsecretario do Ministerio da Guerra. En xuño de 1866 resultou ferido de novo combatendo a sublevación progresista dos sarxentos do cuartel madrileño de San Xil, promovida polo xeneral Joan Prim. Porén, o feito de ser relegado polo goberno a continuación incidíu notabelmente no seu estado de ánimo, adheríndose á Revolución de 1868, que destronou a Isabel II.
Algúns anos máis tarde foi ascendido a tenente xeneral e no percurso do ano 1873 o presidente da I República, Emilio Castelar, nomeouno capitán xeneral de Cuba. Desde ese posto tivo que facer fronte á delicada crise do denominado asunto do Virginius. Á súa volta a España, en 1874, foi designado xeneral-xefe do Exército do Centro, con o cal se sumou aos preparativos do pronunciamento encabezado polo xeneral Arsenio Martínez Campos en Sagunto, que tentaba restabelecer no trono español a Casa de Borbón.
Desempeñou por vez primeira o cargo de Ministro da Guerra no primeiro goberno presidido polo conservador Antonio Cánovas del Castillo, entre decembro de 1874 e setembro de 1875, recibindo ademais o ascenso a capitán xeneral. Posteriormente foi designado presidente do goberno que, desde setembro ata decembro de 1875, debía xestionar a celebración das eleccións para formar as Cortes Constituíntes da Restauración borbónica, no cal de novo ostentou o cargo de ministro da Guerra. Cánovas conservouno como ministro do msmo ramo no seguinte goberno e poucos días despois foi nomeado outra vez capitán xeneral de Cuba, posto no que permaneceu entre 1876 e 1878. Anos despois foi designado capitán xeneral de Filipinas (1883). Retornado á península en 1885, ocupou unha vez máis a carteira de Guerra (1885-1886), no primeiro goberno da rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena, encabezado polo liberal Práxedes Mateo Sagasta.
Predecesor: Antonio Cánovas del Castillo |
Presidente do Consello de Ministros de España 1875 |
Sucesor: Antonio Cánovas del Castillo |