Lagoa de Antela
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Lagoa desecada nos anos 50 que estaba situada na comarca da Limia, no centro da provincia de Ourense. Abranguia terreos situados nos concellos de: Sandiás, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.
A lagoa de Antela, un dos humedais de maior extensión da Península Ibérica, situábase a 615 metros de altitude, con 7 quilómetros de longo e 6 quilómetros de ancho, aínda que dependendo da época do ano, variaban estas dimensións, así como a súa profundidade. Tiña de profundidade media 0,60 metros e nalgúns “pozos” chegaba ata os 3 metros.
A depresión da Limia tivo a súa orixe durante o Terciario como consecuencia dun amplo xogo de bloques. Uns ascenderon, dando lugar a diversas serras, como as de Queixa ou San Mamede, outras afundironse e derón lugar a un conxunto de depresións tectónicas, como as de Maceda, A Limia ou Monterrei, que bordean polo oeste, sudoeste e sur, respectivamente, as citadas serras.
Ó longo do Terciario, producto dunhas condicións climáticas tropicais, formáronse numerosas áreas lacustres, entre elas a que formaba a lagoa de Antela, nas que, durante o Cuaternario, se foran amoreando sedimentos. A práctica totalidade das lagoas colmatáronse, a excepción da lagoa de Antela, que se conservou ata os nosos días.
Sobre ela contábanse infinidade de lendas, entre elas as máis fermosas está a da cidade de Antioquía, asolagada como castigo por idolatrar o galo; e a dos mosquitos, que erán o rei Artús e os seus soldados, enmeigados naquela veiga.
Innumerables foron os intentos de desaugamento e aproveitamento das súas terras para o labradío ata o seu definitivo desecamento a partir do comezo das obras no ano 1958. Os romanos tentárono coa construcción dun emisario principal e unha tupida rede de pequenas canalizacións, o seu emisario principal que ía dende Vilar de Barrio ata Ponte Liñares, medía 26 quilómetros de longo e 17 metros de ancho aproximadamente. A moderna canle seguiu o mesmo trazado.
Da súa riqueza biolóxica destacaban as miles de aves acuáticas que a utilizaban durante todo o ano.
No que foi no seu día o sur da lagoa instálaronse, a partires do ano 1972, varias empresas dedicadas á extracción de area, que é moi apreciada para a construcción.
Neste momento téntase recuperar aquela riqueza biolóxica mediante a recuperación das charcas das areeiras abandonadas.