Marie Curie
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Marie Curie (1867-1934) (Marie Skłodowska de solteira) foi unha científica (física) francesa de orixe polaca (naceu en Varsovia). A súa filla Irene Curie tamén foi científica, así como o seu marido, Pierre Curie.
Marie Curie, naceu como Maria Skłodowska en Varsovia (Polonia) o 7 de novembro de 1867 e morreu en Sancellemoz (Francia) o 4 de xullo de 1934, é a científica tal vez máis famosa a escala mundial. Xunta co seu marido Pierre Curie e Henri Becquerel, recibiu en 1903 o Premio Nobel de Física (sendo a primeira muller en recoller un Nobel) e no 1911 o de Química (sendo a primeira persoa en recoller dous) polos seus traballos sobre o Radio.
Estudou Física e Química na Universidade da Sorbona, en París, da que foi a primeira profesora nos tempos modernos e onde coñeceu ó seu marido e compañeiro de investigacións, Pierre Curie. Xuntos investigaron os materiais radiactivos, en particular un composto do Uranio, a pechblenda, coa particularidade de ser máis radiactivo que o uranio do que era extraído. En 1898 chegou á conclusión de que este composto debía conter trazas dun elemento moito máis radiactivo que o uranio, anunciando o 26 de decembro de dito ano a existencia dunha nova substancia. Despois de numerosos anos de labor incesante, durante os que tratou moitas toneladas de pechblenda, foi concentrando progresivamente e logo illando dous compostos radiactivos, primeiro como cloruro e logo como elemento puro. Nomeounos Polonio, polo seu país de orixe, e Radio, pola súa intensa radiactividade. O Nobel en física concedéuselle “en recoñecemento dos servicios rendidos, pola súa investigación común sobre o fenómeno de radiacións, descuberto polo profesor Henri Becquerel”. O de química, “en recoñecemento dos servicios para o avance da química pola descoberta de novos elementos: o radio e o polonio, polo estudio da súa natureza e dos seus compostos”.
Morreu de leucemia nun sanatorio. O 21 de abril de 1995, as súas cinzas e as do seu marido foron enterradas no Panteón de París, convertíndose así na primeira muller en ser enterrada alí.
Con posterioridade a ela, Linus Pauling convertiriase na outra única persoa que ten concedidos dous Nobel.