Miguel VI Estratiótico
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Miguel VI Stratioticos, emperador bizantino (1056 - 1057).
O seu nome era Miguel Bringas, e era descendente colateral de Xosé Bringas, ministro de Romano II. O seu sobrenome procede do cargo que desempeñaba na burocracia bizantina: encargado da administración militar. Foi nomeado herdeiro pola emperatriz Teodora, pouco antes da súa morte. No momento da súa ascensión ao trono, Miguel era xa un ancián.
Durante o seu breve mandato, favoreceu a burocracia en detrimento da aristocracia militar. Tras desairar aos principais xefes militares do Imperio na primavera de 1057, produciuse unha conspiración para derrocalo, e o 8 de xuño de 1057 foi proclamado emperador o comandante en xefe do exército bizantino, Isaac Comneno. O exército rebelde derrotou aos partidarios de Miguel VI o 20 de agosto dese mesmo ano, entre as cidades de Nicea e Nicomedia. O emperador enviou unha embaixada a Isaac Comneno, encabezada polo historiador Miguel Psellos, propoñéndolle a coroación como césar e futuro sucesor. Aínda que Isaac aceptou, o patriarca de Constantinopla Miguel Cerulario argallou un golpe de estado que depuxo a Miguel VI. O 1 de setembro, Isaac Comneno entrou triunfalmente en Constantinopla. A diferenza do que adoitaba ocorrer cos emperadores bizantinos depostos, Miguel non foi asasinado nin cegado, nin tivo que exiliarse. Continuou vivindo como cidadán particular, e morreu pouco despois.
[editar] Referencias
- Norwich, John Julius: Breve historia de Bizancio. Cátedra, 2000. ISBN 84-376-1819-3
Imperio Bizantino | ||
---|---|---|
Segue a: Teodora |
Miguel VI Estratiótico (1056-1057) |
Precede a: Isaac I Comneno |
sen dinastía |