Moiras
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Nome propio. Nome dado na mitoloxía grega ás tres irmás e deusas que rixen o Destino dos homes, equivalentes ás Parcas romanas.
Índice |
[editar] Historia
As Moiras son as executoras do Destino, cousa que fan a través do seu oficio de tecelás, usando un fío que representa a vida. Velaquí os seus nomes:
- Cloto, a fiadora é a maior das irmás e traballa na roca o Fío da Vida.
- Láquesis, a que asigna o destino é a segunda, e enrola ese fío.
- Átropo, a inflexible é a menor, encargada de curtalo cando a existencia da persoa chega ó seu final.
[editar] Símbolos
Representadas normalmente como tres vellas tecelás ou fiadoras, os seus símbolos son a roca, o fuso e as tesoiras.
[editar] Xenealoxía
Existen dúas versións da súa orixe: segundo a Teogonía de Hesíodo son fillas de Nix ou Nicte, que as enxendrou por sí mesma, soa; non obstante, son consideradas normalmente e de modo alegórico, fillas de Zeus e Temis, a Xustiza.
[editar] Culto
Presentes en tódolos grandes acontecementos, as Moiras eran a miúdo veneradas como deusas do nacemento: as recén casadas atenienses ofrendábanlles feixes de cabelo, e as mulleres invocábanas facéndolles xuramento.