Parlamento de Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Galicia, nacionalidade histórica, está constituída en Comunidade Autónoma para acceder ó seu autogoberno de conformidade coa Constitución española de 1978, que recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e das rexións que integran a nación española.
O Estatuto de Galicia é a norma institucional básica da Comunidade galega que define as súas institucións, competencia e administración pública, así como a súa economía e facenda.
Os poderes públicos de Galicia exércense a través do Parlamento, da Xunta e do seu presidente.
Índice |
[editar] Funcións
- exerce-la potestade lexislativa da Comunidade Autónoma,
- controla-la acción executiva da Xunta,
- aproba-los seus orzamentos,
- designar para cada lexislatura das Cortes Xerais os senadores representantes da Comunidade Autónoma galega,
- elixir de entre os seus membros ó presidente da Xunta de Galicia,
- esixirlles responsabilidade á Xunta de Galicia e ó seu presidente,
- solicitar do Goberno do Estado a adopción de proxectos de lei
- presentar ante a Mesa do Congreso dos Deputados proposicións de lei,
- interpoñer recursos de inconstitucionalidade
- presentarse perante o Tribunal Constitucional nos supostos e termos previstos nas leis.
O Parlamento representa ó pobo de Galicia e constitúe a primeira das institucións da Comunidade Autónoma da que derivan tódalas outras, e é inviolable.
[editar] Sede
A sede do Parlamento de Galicia, mediante lei, radica na cidade de Santiago de Compostela (Horreo, 63 - 15702 Santiago de Compostela).
O salón de sesións é o lugar habitual onde teñen lugar as sesións do Pleno do Parlamento de Galicia, e os deputados ou as deputadas ocupan os asentos dispostos en forma de hemiciclo ante a Mesa presidencial.
O presidente da Xunta de Galicia e o seu Goberno ocupan a primeira fila de escanos, e o resto de deputados e deputadas, agrupados en grupos parlamentarios, ocupan os restantes previamente asignados pola Mesa do Parlamento.
No Parlamento de Galicia hai dous períodos de sesións, a saber, un que comprende os meses de setembro a decembro e outro de febreiro a xuño. Durante estes períodos, o Parlamento pódese reunir en sesións ordinarias que, habitualmente, teñen lugar de martes a venres de cada semana.
Fóra destes períodos de sesións, pódense realizar sesións extraordinarias se se cumpriren determinados requisitos.
O presidente do Parlamento é quen fixa a orde do día dos plenos, de acordo coa Mesa e a Xunta de Portavoces e tendo en conta o calendario de actividades. A orde do día das comisións vén determinada pola respectiva Mesa, consonte o calendario establecido pola Mesa do Parlamento.
[editar] Composición
O Parlamento galego está formado por 75 deputados. Tralas eleccións do 19 de xuño de 2005 quedou composto da seguinte maneira:
- Partido Popular de Galicia (PPdeG): 37 deputados.
- Partido Socialista de Galicia (PSdeG-PSOE): 25 deputados.
- Bloque Nacionalista Galego (BNG): 13 deputados.
Mesa do Parlamento:
- Presidenta: Dolores Villarino Santiago (PSdeG-PSOE)
- Vicepresidenta 1.ª: María Tereixa Paz Franco (BNG)
- Vicepresidente 2.ª: Jaime Alberto Pita Varela (PP)
- Secretario: Pablo Xabier López Vidal (PSdeG-PSOE)
- Vicesecretario: José Manuel Baltar Blanco (PP)
[editar] Ver tamén
Composición do Parlamento de Galicia
[editar] Ligazóns Esternas
Fonte: Parlamento de Galicia